«O noso obxectivo coas escolas é achegar o deporte a todas as idades»

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O concelleiro de Deportes será o anfitrión na clausura que se celebra esta tarde no pavillón

21 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe é un día especial para o deporte de Chantada. Ás oito do serán comezará o acto de clausura das escolas municipais. Un dos protagonistas será o concelleiro de Deportes, Diego Otero, que este mes cumpre un ano no cargo. O edil está satisfeito pola boa resposta que tivo a campaña deste ano, subliñando que se cumpriron todos os obxectivos que perseguían.

-¿Que valoración fai das escolas municipais?

-A valoración é moi positiva, porque cumprimos os obxectivos. O primeiro pasaba por igualar a cifra de inscritos doutras campañas, e non só o fixemos, senón que a superamos. Nas escolas deste ano tivemos 490 deportistas. Fixemos unha aposta por novas modalidades, e saíunos ben. Ofertamos o running, e tivo unha gran aceptación, xa que logramos un grupo de trinta persoas.

-Nesta ocasión apostaron forte polo baloncesto.

-É certo. Fixemos unha aposta forte, porque había algunhas dificultades na base. Reunimos trinta rapaces. O feito de que viñera un xogador do CB Chantada adestrar todos os días cos rapaces supúxolles unha motivación extra, e iso notouse na inscrición. A idea de centranos coa base veu pola necesitade de facer canteira para nutrir a medio e longo prazo o equipo da EBA.

-¿Como resultou a actividade de ximnasia rítmica?

-Tamén tivo unha enorme aceptación. Nesta campaña ampliamos a ximnasia de mantemento. Esa diversificación levounos a establecer varios grupos.

-¿Cal é a modalidade que máis deportistas ten?

-O fútbol sala, que está en torno aos sesenta rapaces.

-¿Están sorprendidos da resposta dos deportistas?

-Estamos moi ledos. A nosa filosofía é achegar o deporte a todas as idades. Os máis cativos teñen catro anos e os máis maiores que están nas escolas teñen 80. De feito, hai persoas que levan máis de dúas décadas.

-¿Cales son os obxectivos das escolas deportivas?

-Transmitir valores e contribuír a unha boa calidade de vida á poboación, porque o deporte é saúde. Logo tratamos de que os nenos saiban gañar, perder e compartir.

-¿Cantos anos levan funcionando as escolas en Chantada?

-Chantada pode presumir de ser un dos concellos pioneiros en apostar polas escolas. Con este, xa son 23 anos os que levan funcionando.

-¿Con cantos monitores contan?

-Agora mesmo temos traballando un total de sete monitores. Todos son titulados e con experiencia. Algúns compaxinan este traballo co de dar servizo á piscina municipal.

-¿Cantas modalidades incluíron nesta campaña?

-En total, ofertamos 28 especialidades deportivas. Quince orientámolas aos cativos, oito aos adultos, catro ás persoas maiores de 60 anos e unha a Asdeme.

-¿Que teñen preparado para esta clausura?

-Queremos darlle solemnidade, e para iso contamos con dous claros referentes do deporte chantadino no exterior: Roberto González [é o exporteiro do CD Lugo] e Héctor Souto [é seleccionador sub-20 de fútbol sala de Vietnam]. Quero agradecerlles aos dous a súa predisposición para participar na clausura. Isto motiva e convértese nun bonito premio para os rapaces, que ven neles os seus referentes. Ademais de exhibicións, ao final entregaremos a cada deportista un obsequio. Substituímos as medallas por un taboleiro de cartón-pluma cun parchís e cun tres en raia. Nel aparecerán as fotografías de todos os rapaces que estiveron nas escolas. É unha forma de homenaxealos e ao mesmo tempo de fomentar os xogos de mesa.

-¿Que lle di aos rapaces?

-Felicitalos por practicar deporte, e animalos a que sigan na mesma senda. Deporte é saúde e inculca valores.