«A vexetación de alta montaña será a que máis sufra o cambio climático»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

OSCAR CELA

Manuel Antonio Rodríguez Guitián, profesor do campus lucense, participará nun curso de verán na Estación Científica do Courel

18 may 2018 . Actualizado a las 10:42 h.

O biólogo Manuel Antonio Rodríguez Guitián, profesor do departamento de produción vexetal na Escola Politécnica Superior de Lugo, participará nun curso universitario de verán que se impartirá entre o 17 e o 19 de xullo na Estación Científica do Courel. A súa intervención tratará sobre os efectos do cambio climático na biodiversidade vexetal.

-¿Estase notando dalgunha forma o cambio climático na vexetación da montaña lucense ou doutras partes de Galicia?

-Para que se notase nun período de tempo moi curto tería que ser un cambio brutal. A miña apreciación é que a escala de paisaxe non se están notando cambios significativos nas últimas décadas. Por outro lado, creo que se se confirma a tendencia ao aumento de temperaturas que están rexistrando os investigadores do panel internacional sobre o cambio climático, a paisaxe vexetal de Galicia probablemente non sería moi diferente da actual. Sábese que nos últimos 10.000 anos houbo períodos máis cálidos que o actual e nesas épocas a paisaxe vexetal non foi radicamente distinta da de hoxe.

-¿En que que territorios podería notarse máis o aumento das temperaturas?

-As áreas que poden verse máis afectadas son as faixas superiores dos ecosistemas de montaña. Son ecosistemas moi fráxiles e moi dependentes das nevadas. O aumento das temperaturas pode facer que a vexetación das zonas máis baixas vaia ocupando terreos cada vez máis elevados e desprazando as especies propias da alta montaña, que en cambio xa non poderín subir máis para sobrevivir. Esas especies, que son exclusivas das zonas de montaña máis altas, son as que máis sufrirían o cambio climático e poden acabar desaparecendo do territorio galego.

-¿E que efectos poden darse nas terras máis baixas?

-Eses territorios poden volverse máis aptos para algunhas especies invasoras que xa están presentes no territorio de Galicia e que proceden de zonas cálidas, como as mimosas, as acacias ou as plumas da Pampa. Co aumento das temperaturas encontrarían unhas condicións máis favorables para reproducirse e polo tanto sería máis difícil frear a súa expansión. Tamén é probable que aparezan e se propaguen outras especies vexetais exóticas que hoxe non viven en Galicia. De todas maneiras, é moi difícil facer prediccións sobre o que pode pasar nas próximas décadas, porque hai aspectos ques se coñecen moi mal. Hai un certo grao de certeza en canto ao aumento de temperaturas a nivel global, pero non parece que ese incremento vaia afectar a todas as áreas xeográficas na mesma medida e coa mesma rapidez. E tampouco se sabe o que pode suceder coas precipitacións, que son importantísimas para a cuberta vexetal.

-¿En Galicia estase a facer algún seguimento dos efectos do cambio climático na vexetación?

-A nivel universitario hai equipos que monitorizan algúns aspectos concretos, pero non hai unha rede interpretativa que permita facer un seguimento sistemático destes efectos. Traballar só sobre certas partes, sobre determinadas especies vexetais ou animais, pode dar unha idea do que sucede con esas especies pero non permite ter unha visión de conxunto. O planeta funciona como un sistema moi complexo e para avaliar a situación dun área xeográfica concreta e facer predicións con base científica sería preciso facer un seguimento continuado e coordinado en moitos aspectos, como o reino vexetal, a zooloxía, os microorganismos... En Galicia non contamos cunha rede de observación deste tipo.

«Hai que ser moi cautos á hora de predicir posibles beneficios para os cultivos»

Rodríguez Guitián considera que é preciso ter moito coidado ao facer predicións sobre as posibles consecuencias do cambio climático nos cultivos.

-¿O aumento das temperaturas pode ter un efecto positivo na agricultura en Galicia?

-Hai traballos que aventuran un posible incremento das superficies aptas para cultivos de tipo subtropical, como os aguacates, ou tamén para as vides e as árbores froiteiras. Pero penso que hai que ser moi cautos á hora de facer afirmacións sobre eses posibles efectos beneficiosos.

-¿Por que motivo?

-Porque aínda que aumenten efectivamente os terreos adecuados para eses cultivos a causa do aumento das temperaturas, non hai ningunha certeza sobre o que pode pasar coas precipitacións. Non hai nada que indique que se vaian reducir os fenómenos tormentosos como os que tivemos hai uns días, que incluso poderían volverse máis frecuentes co incremento das temperaturas.

-¿Iso que significaría?

-Eses episodios tormentosos veñen moi miúdo acompañados de pedrazo, que é enormemente destrutivo para os cultivos subtropicais e en xeral para todos os froitos de óso e pebida. De maneira que aínda que aumenten os terreos apropiados para cultivar aguacates, vides ou pexegos, por exemplo, eses cultivos talvez non serían rendibles a causa do risco de tormentas con pedrazo. As compañías aseguradores mirarán con moito respecto eses fenómenos meteorolóxicos se aumenta a súa frecuencia, por máis que suban as temperaturas.