Nunca é tarde para chatear con Londres

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CONCELLO DE SOBER

Un veciño de Sober de 90 años vai a clases para aprender a comunicarse por Internet co seu fillo residente en Inglaterra

09 may 2018 . Actualizado a las 22:30 h.

Herminio Fernández Rodríguez ten 90 anos e moita práctica en cursos de formación. Hai moitos anos fixo un de electricista e co oficio aprendido marchou traballar a Inglaterra. Agora está facendo outro porque quere aprender a utilizar Internet para comunicarse co seu fillo, residente en Inglaterra. El é o máis veterano entre os corenta participantes nos cursos sobre iniciación ás novas tecnoloxías para adultos que imparte este ano o Concello de Sober.

Herminio Fernández vive coa súa dona Saladina na aldea do Barreal, que forma parte da parroquia de San Martiño de Anllo. Os dous volveron a Galicia hai uns anos, despois de media vida emigrados en Inglaterra. Leva semanas indo a clases no centro sociocultural de Sober, onde o Concello dispón dunha aula de informática na que el e o resto dos alumnos aprenden primeiro algunhas nocións básicas, e despois abordan o manexo das ferramentas que máis lles poden valer a cada nun

Rocío Fernández é quen lles dá as clases. Enxeñeira técnica en informática de xestión, basea as súas explicacións en exemplos da vida cotiá que aos seus alumnos lles resultan familiares. «Por exemplo -explica-, cando lles explico como funciona o correo electrónico fágoo comparando como sería o procedemento no caso do correo ordinario». Na maior parte dos casos trátase antes de nada de que a xente maior se familiarice co vocabulario tecnolóxico, porque todos os días escoitan cousas que a moitos nin lles soan.

O alcalde, Luis Fernández Guitián, valora a importancia de formar aos maiores nas novas tecnoloxías para que «adquiran as competencias precisas para poder empregar un móbil, unha tableta ou incluso un ordenador».

Rocío Fernández ten claro que o crecente interese dos maiores por aprender a utilizar ferramentas de base informática ten moito que ver coa xeneralización dos teléfonos móbiles. «Cada un ten a súa propia motivación, pero polo xeral o que sucede é que eles ven que todo o mundo ten teléfonos intelixentes e usa o WhatsApp, e danse conta de que lles pode ser útil para comunicarse cos seus fillos ou netos que viven fóra».

Ver a súa casa de alá

A motivación de Herminio ten moito que ver con iso que conta a súa profesora, pero non só con iso. Aproveita o que aprende nas clases para escribirse e manter videoconferencias co seu fillo, pero tamén para ler a prensa británica e -algo que o sorprendeu moito- para ver mediante a aplicación Streetview de Google a casa na que el e a súa familia viviron alí durante a súa vida como traballador emigrante.

Herminio é o maior dos alumnos da aula de informática, pero consérvase tan ben que tamén participa nas actividades de ximnasia de mantemento que organiza o Concello nas distintas parroquia de Sober. E probablemente non van ser esas as únicas actividades nas que participe. «Farei todos os cursos que poida -promete-, porque non me canso de aprender».