Falece con 47 anos Xesús Álvarez Goianes, exconcelleiro do BNG en Pantón

c.c. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

BNG PANTON

09 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O que fora concelleiro do BNG en Pantón, Xesús Álvarez Goianes, morreu onte a consecuencia de complicacións derivadas das doenzas dexenerativas que padecía. De 47 anos, natural e veciño da parroquia de Santiago de Cangas, era coñecido no seu municipio como Suso do Pacio, polo nome da aldea na que se criou.

Xesús Álvarez Goianes completou os estudos de graduado social na Universidade de Santiago e despois conseguiu praza como funcionario do Estado. Un dos seus primeiros destinos foi Cataluña, onde, segundo os seus amigos, empezou a tomar conciencia política e a achegarse á esquerda nacionalista. Despois duns anos de traballo en Cataluña, volveu a Galicia como secretario xudicial en Salvaterra de Miño e despois logrou o seu trasladado ao xulgado de paz de Quiroga.

Nas eleccións municipais do ano 2007 debutou como cabeza de lista do BNG en Pantón e foi elixido concelleiro. Daquela levaba xa un tempo traballando activamente no movemento asociativo local dende a directiva do colectivo de veciños de Santiago de Cangas.

Renunciou no 2012

No 2011 recuncou como candidato á alcaldía e fixo pasar ao Bloque dun a dous concelleiros. Ao principio do seu segundo mandato como concelleiro, a súa saúde empezou a deteriorarse e en xaneiro do 2012 renunciaba a seguir no Concello, e pouco despois obtiña unha baixa laboral permanente.

En todo caso, cando anunciou a súa saída da corporación local, deixou claro que continuaba coa súa militancia política. E así o fixo. O pasado 15 de abril foi el o encargado de ler o comunicado final na concentración convocada pola CIG en Monforte en defensa do sistema de pensións.

Despois das eleccións municipais do 2015, nas que o BNG de Pantón se converteu na segunda forza política do concello, a candidata á alcaldía e actual portavoz local, Rosana Prieto, atribuíalle publicamente a el a maior parte do mérito, a pesar de que naquela candidatura xa non ocupaba un posto de saída. «Nesas eleccións o BNG gañoulle por primeira vez ao PP na mesa de Acedre, onde vota tamén a parroquia de Santiago de Cangas, e está claro que foi unha vitoria que deixara servida o Suso, igual que a recuperación electoral do BNG en Pantón no seu conxunto», recoñece Rosana Prieto.

A actual voceira do BNG de Pantón recorda ao seu compañeiro de militancia como alguén moi humano para o que «as persoas estaban sempre por riba de calquera consideración».

O funeral por Xesús Álvarez Goianes oficiarase a última hora da tarde de hoxe en Santiago de Cangas. O seu corpo recibirá sepultura no cemiterio da súa parroquia natal.