«Na historia da emigración a Venezuela aínda falta por estudar a do retorno»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

MIGUEL VILLAR

Campos realizou unha extensa investigación sobre a diáspora galega no país suramericano

03 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural da parroquia soberina de Barantes, Xosé Ramón Campos Álvarez ofreceu recentemente no seu municipio natal -por iniciativa da asociación O Colado do Vento- unha conferencia sobre a historia da emigración galega en América, que é a súa especialidade académica. Campos é profesor de historia americana no campus ourensán da Universidade de Vigo e no 2015 doutorouse na Complutense de Madrid cunha tese sobre a emigración galega en Venezuela que agora pensar publicar en libro.

-¿A historia da emigración a Venezuela está menos investigada que a que houbo cara a outros países americanos?

-Si, e de feito a miña tese é a primeira obra monográfica que se dedica a esa parte da diáspora galega. Está menos estudada probablemente porque foi a última vaga migratoria importante de Galicia para as Américas. Nas décadas de 1870 e 1880 xa houbo grandes migracións, sobre todo cara a Arxentina e Cuba, e en menor medida a outros países como Uruguai, Brasil ou México. A emigración a Venezuela comezou sobre todo a partir de 1948. Pero a pesar de ser tan tardía tamén chegou a ser moi importante. Entre 1954 e 1958, case a metade da emigración galega ás Américas foi para Venezuela. Foi un movemento intenso porque o país vivía un grande auxe económico grazas ao petróleo e porque os gobernos da época facilitaban e incentivaban a chegada de inmigrantes. Praticamente non se esixía máis que ter boa saúde e contar entre 15 e 45 anos, e obter o permiso de residencia era un procedemento fácil e rápido.

-¿Que fontes utilizou para realizar o seu estudo?

-Investiguei moito en arquivos históricos, fondos documentais e hemerotecas, pero unha parte moi grande do traballo fíxeno mediante entrevistas orais a emigrantes residentes en Venezuela e retornados a Galicia. Creo que entrevistei a cerca de cincocentas persoas. Foi moi enriquecedor, porque aprendín moitas cousas s que non acostuman a aparecer nos estudos históricos. É reconstruír a historia da xente que queda á marxe da historia.

-¿Os emigrantes especialízaronse nalgunha actividade?

-Houbo moitos que traballaron na construción, pero tamén noutros moitos sectores, como o servizo doméstico, os obradoiros de costura, a hostalería, as empresas de transporte público ou de limpeza, as zapaterías, os comercios de teas, mobles, electrodomésticos.... Non houbo unha especialización como a que se deu entre os emigrantes portugueses, que traballaron sobre todo nos sectores da panadería e dos abastos.

-¿Sábese que peso tiveron as comarcas do sur lucense nese movemento migratorio?

-Non sabería dicir unha porcentaxe, porque non é nada fácil discriminar a orixe dos emigrantes por comarcas ou concellos. Pero houbo unha presenza moi numerosa de persoas oriundas da comarca de Lemos. O que non me consta que é que se chegasen a formar dentro da Hermandad Gallega de Caracas algunha microsociedade de naturais deste territorio, como si as houbo de Ourense, Lalín ou Viveiro.

-¿Que aspectos desta historia quedan por investigar?

-Falta por investigar a historia do retorno a Galicia, aínda moi mal estudado, e sobre todo o retorno recente, que se intensifica na década de 1990. É un fenómeno que se segue rexistrando na actualidade, coa chegada de moitos fillos e netos de galegos que deixan Venezuela a causa da complicada situación política, social e económica do país.

«María Cristina Iglesias, ministra de Hugo Chávez, é dunha familia de Monforte»

A emigración galega en Venezuela, segundo explica Campos, deixou importantes pegadas históricas no país de acollida.

-¿Que influencia tivo a diáspora galega na sociedade venezolana?

-Tivo un influxo moi notable en certos sectores profesionais, como o mediano e o pequeno comercio. Tamén no da hostalería, onde os emigrantes axudaron a enriquecer a cociña venezolana. No mundo empresarial deu algunhas figuras importantes, como os irmáns Souto de Ourense, que crearon un grande complexo de granxas que se contou entre os máis importantes do país.

-¿E no mundo da política?

-No ámbito da política non tiveron actuacións destacadas, con moi poucas excepcións, como as de dúas persoas que ocuparon o cargo de ministros nos gobernos de Hugo Chávez. Unha delas é María Cristina Iglesias, que pertence a unha familia oriunda de Monforte. A outra é Farruco Sesto Novás, natural de Vigo.

-¿Como foron as relacións cos naturais do país?

-A maioría dos emigrantes non tiñan queixas da actitude dos autóctonos porque en xeral non houbo episodios de xenofobia, aínda que si se deron algúns casos. Do que se queixaban era da inseguridade cidadá, que xa nos anos 50 ou 60 era moito maior que a que coñecían na súa terra de orixe. Por parte dos venezolanos, houbo algunha incomprensión perante o afán de aforro dos galegos, que en grande pensaban estar ali só uns anos e facer cartos para regresar ao seu país, aínda que moitos non o lograron.