A Ribeira Sacra do Miño, un paraíso para os ornitólogos

FRANCISCO ALBO, ROI FERNÁNDEZ CHANTADA

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

A primavera é un período especialmente recomendable para a observación de aves silvestres neste territorio

02 may 2018 . Actualizado a las 17:23 h.

O próximo día 12 celebrarase por terceira vez o chamado Global Big Day, unha xornada mundial de observación ornitolóxica que ten por obxectivo avistar o maior número posible de especies de aves en 24 horas. Un lugar moi adecuado para participar nesta convocatoria é a Ribeira Sacra do Miño, un territorio de grande interés para a ornitoloxía e especialmente en primavera. Unha proba diso son as imaxes contidas no vídeo que acompaña estas liñas. Todas elas foron tomadas en datas recentes en diferentes puntos do municipio de Chantada, principalmente nas proximidades do Miño.

Unha das especies máis rechamantes que se poden ver neste territorio é o gaio cereixeiro ou vichelocrego (Oriolus oriolus, oropéndola en castelán), recoñecible pola cor amarela que predomina nas súas plumas. Distínguense tamén pola súa vistosa plumaxe outras aves propias destes ecosistemas, como o gaio (Garrulus glandarius, arrendajo), o picapeixe (Alcedo atthis, martín pescador), o ferreiriño (Cyanistes caeruleus, herrerillo común), o carboeiro (Parus major, carbonero común) ou a escribenta (Emberiza cirlus, escribano soteño).

Entre as especies que frecuentan as áreas de ribeira encóntranse igualmente outras especies de pequeno tamaño como a lavandeira real (Motacilla cinerea, lavandera cascadeña), a lavandeira amarela (Motacilla flava, lavandera boyera), a máis común lavandeira branca (Motacilla alba, lavandera blanca ou aguzanieves) e o merlo (Turdus merula, mirlo común). Xunto coas anteriores tamén é posible avistar outras aves de maior porte como son a garza real (Airea cinerea) e o corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo, cormorán grande), unha especie típica do litoral que se adentra con frecuencia nos ríos do sur lucense.

Outras variedades

Nas marxes do Miño e nos bosques e prados do seu en torno pódense observar así mesmo outras moitas especies de paxaros, como a papuxa das amoras (Sylvia atricapilla, curruca capirotada), o pimpín (Fringilla coelebs, pinzón vulgar), o pimpín do norte (Fringilla montifringilla, pinzón real), a azulenta (Prunella modularis, acentor común), o rabirrubio tizón ou cu roxo (Phoenicurus ochruros, colirrojo tizón), o chasco (Saxicola torquatus rubicola), o paporrubio (Erithacus rubecula, petirrojo) e o úbalo (Spinus spinus, jilguero lúgano). O territorio é ademais o hábitat de numerosas aves rapaces, algunhas moi abundantes como o miñato común ou buxardo (Buteo buteo, ratonero común) e outras moito máis escasas e difíciles de avistar, como a águia peixeira ou águila pescadora (Pandion haliaetus).