A Escola de Idiomas monfortina organiza un ciclo de cine multilingüe

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

internet

05 abr 2018 . Actualizado a las 14:10 h.

Nos multicines Hollywood de Monforte comezará mañá un ciclo de cine organizado pola Escola Oficial de Idiomas no que poderán verse catro filmes falados en todas as linguas que se ensinan neste centro. As proxeccións serán en versión orixinal subtitulada en castelán e estarán abertas ao público en xeral. A directora da escola, Rosa María Quiroga, sinala que o obxectivo da iniciativa é fomentar o interese pola aprendizaxe de idiomas.

As proxeccións ofreceranse ás 20.30 horas todos os venres deste mes. As entradas serán gratuítas, pero deben retirarse previamente na escola de idiomas. Poden conseguirse de luns a xoves e de 8.30 a 14.30 horas. O ciclo será financiado polo centro e o Concello colaborará instalando carteis anunciadores. Na organización participa ademais o cineclub A Calexa. Estas son as películas que poderán verse durante as catro xornadas.

 Día 6: Alemán. Na primeira sesión do ciclo proxectarase Toni Erdmann, unha comedia dramática de produción xermano-austríaca -na imaxe sobre estas liñas, unha escena do filme- dirixida pola cineasta Maren Ade. Foi seleccionada para competir no festival de Cannes e nominada aos premios Oscar, César e Goya.

 Día 13: Francés. Ese día poderá verse Le premier jour du reste de ta vie, un filme realizado por Rémi Bezançon que levou os premios César á mellor actriz revelación e ao mellor actor revelación -concedidos respectivamente a Déborah François e Marc-André Grondin-, así como o da mellor montaxe.

 Día 20: Inglés. Para esta xornada está programada a película irlandesa The guard, dirixida por John Michael McDonagh e distribuída no mercado español co título de El irlandés. Levou o premio ao mellor actor no festival de Valladolid e o premio Satellite á mellor montaxe, e foi nominada para o premio Globo de Ouro ao mellor actor de comedia musical e o premio Bafta ao mellor guión orixinal.

 Día 27: Italiano. O ciclo pecharase co filme La grande bellezza, dirixido por Paolo Sorrentino e galardoado co Oscar á mellor película de fala non inglesa e o premio Gaudí á mellor película europea. Foi ademais nominada ao premio César ao mellor filme estranxeiro e ao Goya ao mellor filme europeo.