Reclaman a categoría de BIC para 55 monumentos da Ribeira Sacra

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A asociación O Sorriso de Daniel alega contra o plan de declaración de paisaxe cultural

05 abr 2018 . Actualizado a las 13:59 h.

A asociación cultural O Sorriso de Daniel presentou unha serie de alegacións á proposta de declaración da Ribeira Sacra como paisaxe cultural nas que pide que se conceda o máximo nivel de protección a 55 monumentos que non contan actualmente con esta categoría. Na resolución elaborada pola Consellería de Cultura proponse declarar como bens de interese cultural (BIC) un total de dezaoito monumentos que ata agora carecían desta figura de protección. Para o referido colectivo, esta proposta peca de «escasa ambición» e deixa á marxe numerosos elementos do patrimonio cultural de singular valor.

Os monumentos para os que O Sorriso de Daniel pide a declaración de BIC son na súa maioría igrexas de orixe románica e outros edificios que conteñen «pezas románicas de especial relevancia». Segundo o criterio deste colectivo, «para pretender explicar a Ribeira Sacra sen o seu románico deberíase honestamente antes renunciar ao propio termo». O patrimonio románico deste territorio -engaden- é «un libro do que non se deben esgazar páxinas, pois a lectura completa do seu significado só se pode acadar cunha visión de conxunto».

Estado de conservación

Por outro lado, a asociación considera que na resolución da Xunta «as referencias ao estado de conservación dos bens son escasísimas e, no máis dos casos, nulas, é dicir, non hai ningunha alusión ao estado de conservación da meirande parte dos bens». O colectivo cultural sinala ademais que «tampouco hai referencia ningunha á eventual necesidade de acometer intervencións, malia que nalgúns casos os bens están inmersos nun patente proceso de deterioro e suxeitos a un claro perigo de destrución a curto prazo». Un exemplo destacado desta situación -agregan desde O Sorriso de Daniel- é o da igrexa de San Paio da Abeleda, no municipio de Castro Caldelas. Noutros edificios románicos, sinalan por outro lado, hai pinturas murais «que de non se intervir de inmediato se perderán seguramente antes de que o proceso de incoación de BIC se remate e, por suposto, antes de que a Unesco poida estudar a proposta de declaración de patrimonio da humanidade». A este respecto mencionan o caso da igrexa de Marrube, no Saviñao.

Así mesmo, o colectivo di que na proposta da Consellería de Cultura «non se fai referencia ningunha á necesidade que existe en moitos casos de retirar elementos incluídos na delimitación de ben declarado, ou no contorno de protección, que resultan incompatibles coa súa posta en valor». Este sería o caso -agregan- das «edificacións que non observan a debida distancia, que teñen acabados impropios ou instalacións efémeras que impiden a súa contemplación». Neste aspecto, a asociación cre que se debe pór especial interese na revisión dos nichos e panteóns situados nos adros das igrexas «nos que se teñen consentido modificacións inadecuadas para o lugar que ocupan». Un exemplo deste problema sería o da igrexa de San Pedro de Bembibre, en Taboada.

As alegacións presentadas pola entidade O Sorriso de Daniel, por outra parte, din que o documento da Xunta non contempla «ningún réxime provisional de protección -agás as previsións xerais referentes á suspensión de licenzas- para aqueles bens que actualmente non están declarados BIC e respecto dos cales se propón a súa declaración». Ademais, a asociación pide que se outorgue a categoría de BIC á totalidade do territorio das parroquias da Ribeira Sacra situadas nas marxes do Sil e do Miño, que son 41 no primeiro caso e 31 no segundo.