«O que pretendo é axudar a divulgar o patrimonio natural e cultural de Sober»

La Voz

LEMOS

CARLOS RUEDA

Castro é o autor dunha exposición fotográfica que pode verse este mes na oficina de turismo soberina e que irá despois a Monforte

03 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A oficina de turismo soberina acolle ata finais deste mes a exposición fotográfica Sober vivo, que en maio se presentará no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte. O seu autor é Felipe Castro López -natural da Pobra do Brollón-, que traballa como axente medioambiental no municipio de Sober.

-¿Cal é a finalidade desta exposición?

-Foi preparada dentro dunhas xornadas de dinamización e valorización do medio rural que organizaron recentemente as comunidades de montes de Sober e que contaron co apoio do Concello, a Fundación la Caixa, Abanca e o Banco Pastor. Eu participei tamén cunha charla sobre estratexias de dinamización do rural. A exposición consiste nunha serie de imaxes que pretenden divulgar os principais recursos naturais e culturais do municipio, que foi precisamente o eixe en torno ao que xiraron estas xornadas. A iniciativa comezou a planificarse como unha resposta aos estragos que causaron os incendios do ano pasado.

-¿Que aspectos dese patrimonio quixo resaltar?

-Os que me parecen máis representativos deste territorio, como o canón do Sil, as igrexas románicas, os petróglifos ou as actividades agrícolas e gandeiras. Hai fotografías de tipos diferentes e realizadas con distintas técnicas: paisaxes, imaxes nocturnas, con macro... Cando se planificaron as xornadas pensamos en facer algo máis didáctico, como un conxunto de paneis explicativos, pero finalmente optouse por unha exposición fotográfica.

-¿Que impresión lle deixaron estas xornadas?

-Penso que foron razoablemente ben. Houbo diferentes actividades nas que se involucrou xente de todas as idades, como unha plantación de castiñeiros na que participaron os alumnos do colexio público de Sober. O programa comprendeu tamén unhas xornadas técnicas sobre desenvolvemento rural ás que asistiron sobre medio centenar de persoas. O que me parece máis importante é que as comunidades de montes se unan para levar a cabo unha iniciativa, calquera que sexa, e principalmente para fomentar o aproveitamento dos recursos locais.

-¿Haberá máis actividades deste tipo no futuro?

-Todos os que participamos na organización das xornadas partimos da idea de que habería que darlles continuidade. Como a resposta que tiveron as primeiras xornadas foi boa, supoño que nos próximos días organizaremos unhas xuntanzas para falar de posibles novas iniciativas. Eu estou disposto a seguir colaborando no que poida.

-¿Ata onde cre que pode chegar esta iniciativa?

-Iso dependerá en primeiro lugar das comunidades de montes, que son as que a promoveron. A idea e impulsar a creación dunha plataforma que agrupe non só ás comunidades de montes, senón tamén a todas as entidades e persoas relacionadas co mundo rural, como pode ser a xente que traballa na turismo, na artesanía, no mundo do viño, no sector forestal ou na gandería. Xa mantivemos contactos con xente de todos estes sectores. A plataforma aínda non está constituída, pero as comunidades están animadas e con ganas de facer cousas. Cabe a posibilidade de que esta entidade se expanda despois a outros municipios, que é algo do que tamén se falou, pero iso só o tempo o dirá. A unión fai a forza e é moi importante que todas estas entidades e persoas traballen conxuntamente para alcanzar obxectivos comúns, sobre todo cando se trata de dinamizar un medio rural tan envellecido e deprimido como o de Sober e de todo o sur da provincia.