«Non sabemos comer, vivimos enganados pola industria»

Este alumno do Campus Terra reivindica a figura do nutricionista para gañar en saúde a aforrar custes á Sanidade


Lugo / La Voz

Alexandre Santiso (Abegondo, 1998) estuda no Campus Terra de Lugo o grao de Nutrición Humana e Dietética, da facultade de Ciencias. Recentemente foi elixido presidente da Federación Española de Dietistas-Nutricionistas Universitarios (Fednu), como membro de Adinu Galicia (Asociación de Dietistas e Nutricionistas Universitarios).

-¿Que obxectivo se marca como presidente da Fednu?

-A federación engloba a todos os estudantes do país e o obxectivo é mellorar a carreira. Trátase dun grao recente -en Galicia non leva nin dez anos- e ten certas dificultades. Por iso, tanto desde a Fednu como desde Adinu organizamos numerosas charlas e cursos para complementar a formación do grao, para dalo a coñecer e para reivindicar a importancia da figura do dietista-nutricionista. Tamén loitamos contra o intrusismo laboral. Ademais, creamos unha comisión de asuntos científicos que vai traballar en revisar documentos científicos actuais para corrixir os que hai desfasados e que nos imparten na propia carreira.

-¿Hai moitos mitos vixentes aínda en canto a nutrición?

-Si. Por exemplo, hai pirámides nutricionais desfasadas que inclúen o viño, cando, se ben é certo que ten un efecto vasodilatador, o alcol acarrea outras complicacións, polo que o seu consumo debería ser «0». Tamén houbo estudos que vincularon o consumo de ovo coa suba de colesterol, cando non é certo, ou outros que recomendaban evitar o leite enteiro porque contén ácidos graxos saturados, pero esta graxa non é tan prexudicial. O que temos que ter claro é que non existen os superalimentos, que o mellor superalimento é manter unha boa dieta equilibrada.

-¿Por que é tan importante a figura do nutricionista?

-Basicamente, porque non sabemos comer, vivimos enganados pola industria. E iso é moi grave. En España, o 35% das mortes están relacionadas coa nutrición, por accidentes cardiovasculares ou diabetes. Coa nutrición pódense previr e controlar ese tipo de enfermidades, as non transmisibles. A nutrición está detrás da obesidade, e de moitos problemas cardiovasculares, de páncreas, fígado ou renais. Por iso é tan importante incorporar a figura do dietista-nutricionista na sanidade pública, para facer unha labor de reeducación nutricional e para aforrar cartos. O 53% dos adultos en España están por riba do seu peso, e deles, o 17% son obesos. E peor ca eses datos é que nos parece normal, que non nos damos conta do grave que é, que é causa de moitas enfermidades e que empeora e complica o resto de doenzas. E a tendencia é a ir en aumento. De feito, algúns científicos xa consideran a obesidade como a pandemia do século XXI.

-¿Como é posible esa falta de información hoxe en día?

-Vivimos enganados pola industria, non nos damos conta do efecto dos malos hábitos de vida e hai moita desinformación. Por exemplo, toda a polémica que xurdiu co aceite de palma, que nos fixo crer que era un produto malísimo, cando o que é realmente malo son os produtos que o conteñen, pero por ser ultraprocesados e levar gran cantidade de azucres e graxas. Outro exemplo son os produtos «0,0»; eu cada vez que vexo un artigo con ese nome ou de cor rosa faime sospeitar, porque eses produtos que quitan os azucres ou graxas soen incorporar máis ingredientes que dan máis palatabilidade e que son daniños. Pero parece que aos máximos dirixentes lles importa máis o diñeiro que a saúde. Hai pouco estudouse subir o imposto sobre as bebidas azucradas e non se fixo polas presións da industria.

-¿É outro dos erros o consumo de azucre?

-En cando a azucres libres, a OMS recomenda unha inxesta diaria máxima do 10% da cantidade calórica total, é dicir, unhas doce culleriñas de café, pero en Europa dobramos esa cantidade, cando o ideal sería non chegar ao 5%. Hai quen di que non toma azucre, pero ás veces este preséntasenos en forma de dextrosa, xarope de glucosa... Tamén habería que reducir o consumo de mel e de zumes, porque neste último caso o azucre absórbese máis rápido que consumindo a froita enteira.

-¿Cara onde hai que camiñar?

-Hai que baixar o consumo de tabaco e alcol, manter unha dieta equilibrada e deixar atrás o sedentarismo. Hai que tirar menos de supermercado e máis de mercado, consumindo máis produtos sen etiqueta, é dicir, frescos (froita, verdura, peixe...) e reducir galletas, produtos procesados...

«Hai que tirar menos de supermercado e máis de mercado, consumindo máis produtos frescos»

«Poderiamos levar unha vida longa e feliz, pero fallamos no máis básico, que é comer»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Non sabemos comer, vivimos enganados pola industria»