«Entender o espazo no que traballas é a clave para facer un bo viño»

Escultor antes que adegueiro, Primitivo Lareu obtivo dous dos tres premios na cata oficial da Feira do Viño de Chantada


MONFORTE / LA VOZ

Sabatelius manda este ano nos tintos en Chantada. A adega de Primitivo Lareu obtivo o primeiro premio na cata oficial da feira nas categorías de viños da colleita do 2017 e elaboracións con paso por barrica. Escultor antes que adegueiro, di que o tempo lle ensinou que a clave dun bo viño está en entender o espazo vitícola no que nace. Dálle moito mérito aos premios polo alto nivel que atopou entre os viños que participaron na última feira. E gústalle escoitar aos clientes detrás do mostrador. A feira do viño é, segundo a súa definición, como unha tormenta de ideas.

-Faltoulle o branco para facer pleno. ¿Como se sinte?

-Sorprendido. Sempre fago por probar o resto dos viños durante feira, aínda que logo non sempre atopo tempo para poder facelo. Este ano puiden catar todo e vin calidade. Non contaba cos premios, a verdade.

-A vendima veu adiantada e obrigou a andar a cen no Sil para que a uva non se pasase. ¿Foi máis pausada no Miño?

-Aquí foi unha vendida moi tranquila. Traballar sen medo a que poida entrar unha borrasca inoportuna non só é beneficioso para recoller a uva no seu punto. Tamén axuda moito na adega, porque fas as cousas con máis calma. Vendimar a modo é positivo en todos os sentidos. Empezas nas viñas nas que a uva madura antes e vas subindo na ladeira. Sen presas estás máis centrado no traballo, na viña e na adega. Despois duns anos de certo descontrol, volvemos ao tipo de vendima que eu recordaba.

-¿Cantos anos leva xa como adegueiro?

-Dezaoito ou dezanove.

-¿Que o animou a dar o paso?

-Na miña casa sempre houbo explotación de gandería e viñedo. Buscaba aproveitar algún dos recursos da zona, e primeiro pensei nos castiñeiros ou na cereixa. Estiven dubidando ata que me din conta de que o tiña diante. Apostei pola viña.

-Antes era escultor.

-Si, a miña formación ía nesa liña. Pasei once anos dando clase de talla e modelado en moitos sitios. Estiven en Ribadavia, Leiro, Arnoia... Onde saía a posibilidade de dar algún curso.

-¿Axuda a sensibilidade artística no mundo do viño?

-O mundo da arte é máis de cara á galería. Toda a xente di ‘que bonito é ser artista’. Co viño pasa hoxe algo bastante parecido. Non é como dedicarse a outra actividade agraria, ten máis glamur. Pero ao final todo é un traballo. Na arte tes que ir depurando a técnica e indagar no que estás a facer. No viño pasa o mesmo. Fas probas, indagas un pouco nas tendencias, nas distintas formas de elaborar. Detrás de algo ben feito, sexa un viño ou unha escultura, sempre hai un esforzo, unha dedicación.

-En teoría, o viño está máis condicionado pola natureza.

-Claro. Como dicía meu avó, un negocio sen tellado nin é un negocio nin é nada [risas]. Na viña estás a expensas do que vai pasar. Podes traballar moito a viticultura, pero ao final o ano manda. Na escultura, se non che gusta o que estás a facer paras para retomalo máis tarde. Ou desbotas o que tiñas pensado e xa está. No viño as cousas non son así. Podes facer unha escultura esta semana e outra a que vén. O viño é só unha vez ao ano.

-¿Que aprendeu nestes anos como adegueiro?

-Aprendín a centrarme cada vez máis na viticultura. Sen descoidar a adega, penso que a clave está en mellorar a viticultura. Hai que recuperar esa sabedoría que se foi perdendo, saber onde debe ir cada variedade. Entender o espazo onde traballas é a clave para facer un bo viño. No Douro teñen ese coñecemento do espazo vitícola hai moitos anos. Nunha finca de sesenta hectáreas, ves que escolleron onde teñen que ir trescentas cepas dunha determinada variedade. Sinxelamente, é o seu sitio. Esa é a liña na que hai que traballar e na que xa anda agora algunha xente. Pero aínda nos queda moito camiño por diante.

-A denominación de orixe trouxo moitos cambios. ¿Demasiado radicais, nalgún caso?

-Houbo unha ruptura moi drástica co pasado, sen ningún tipo de reflexión previa. Coincidiu tamén cunha época de perda de viñedo. Hai zonas formidables que quedaron a monte e que hoxe son difíciles de recuperar. O certo é que daquela decidiuse que todo o vello non servía para nada. Por sorte, eses saberes tradicionais estanse recuperando.

-¿Véndese moito nunha feira do viño?

-O modelo das feiras do viño vén de moito tempo atrás. Posiblemente tivesen a súa mellor época nos oitenta, pero seguen funcionando. No económico, hoxe non supoñen demasiado para as adegas. Se non tes outros mercados, pouco arranxas coas ventas da feira do viño. Pero hai un factor lúdico e de promoción turística que tamén hai que ter moi en conta. As feiras reinventáronse soas. Fixérono elas mesmas case sen querer.

-¿Apréndese detrás do mostrador do posto?

-Aínda que a feira pareza un caos, tes un contacto directo coa xente que para min é moi valioso. Percibes o gusto, a tendencia, o que buscan os que mercan o viño. É como unha tormenta de ideas. A xente chega ao teu posto e fala do teu viño e dos que probaron antes. É unha valoración moi espontánea.

-¿Pódese vivir con tres hectáreas e medio de viñedo?

-Eu quero ter algo próximo, unha superficie que poida dominar. Pequena, para facer algo ben feito, para gozar do viño. Hai que ter moita paixón pola viticultura para dedicarse a ela na Ribeira Sacra. En comparación con outras zonas, todo ten máis custes e é máis traballoso. Pero dá para ir vivindo sen ter que dispor dunha gran estrutura. Penso que aquí puxemos en marcha un modelo moi interesante para afianzar poboación, para evitar que desaparezan esas pequenas aldeas da ribeira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

«Entender o espazo no que traballas é a clave para facer un bo viño»