«A nosa clientela foi, sobre todo, xente traballadora»

Os donos do popular bar e restaurante monfortino Terraza cederon o negocio tras 36 anos de actividade


MONFORTE / LA VOZ

Natural de Palas de Rei, Leonardo García Vázquez rexentou durante 36 anos xunto coa súa dona Irene García Arias o bar restaurante Terraza, un dos establecementos de hostalería máis populares de Monforte. O negocio, situado no barrio da Estación, levaba moito tempo existindo cando se fixeron cargo del, posto que abriu en 1948. Agora segue funcionando, pero é levado por outras mans. Os seus donos xubiláronse a principios do mes pasado.

-¿Como decidiron instalarse en Monforte?

-Apareceunos a oportunidade de ocuparnos deste negocio cando se me acababa de terminar un contrato de dous anos que tiña na empresa Citröen en Ourense. Foi en 1981, unha época na que houbo unha crise moi forte no sector do automóbil. Viñemos a Monforte coa irmá da miña muller e un cuñado, puxémonos a traballar e aquí estivemos sen parar desde entón.

-Coa proximidade á estación, ¿en que medida dependía o negocio dos traballadores do ferrocarril?

-Dependía moitísimo, sobre todo durante os primeiros anos que estivemos aquí. A estación aínda tiña moitos empregados nesa época e o local enchíasenos con moita frecuencia de ferroviarios, sobre todo os días nos que se xuntaban en Monforte o tren correo que viña da Coruña e o que viña de Vigo. Pero tamén viña moita xente da chacinera [a antiga factoría cárnica da empresa Campoverde, pechada a principios dos anos 90], que aínda funcionaba por entón. A maioría da nosa clientela estivo formada sempre por xente traballadora. Os empregados do ferrocarril desde logo que foron unha parte moi importante, pero tamén tivemos moita xente que traballaba noutras cousas. Entre uns e outros clientes, na primeira época tiñamos unha demanda moi alta e era moi habitual que o local se nos abarrotase ao mediodía.

-Estando tan vinculados a este barrio, notarían moito o declive que sufriu o sector ferroviario en Monforte.

-Cando a Renfe comezou a ir para baixo claro que o notamos. Iso afectounos moito. Nos primeiros tempos tiñamos unha persoa empregada, pero ao perdérense os postos de traballo do ferrocarril nós acabamos perdendo moitos clientes de a diario e xa non puidemos seguir con ela. Tamén notamos moito a crise económica dos últimos anos. Cando a construción funcionaba ben en Monforte atendiamos tamén a moitos traballadores dese sector, e o negocio resentiuse loxicamente cando a construción entrou en crise. Durante todos os anos nos que levamos este negocio pasamos por unhas épocas que foron mellores e por outras que foron peores, pero o caso é que a pesar de todo logramos seguir para diante ata que nos retiramos.

-En canto á oferta gastronómica, ¿cales eran as súas especialidades?

-Ao principio o polbo e sobre todo as empanadas de todas as clases. Ofreciamos empanada todos os días. E todos os luns e xoves dabamos callos. Era o que lles gustaba aos nosos clientes.

«Estamos moi contentos de que siga aberto o local no que traballamos durante tantos anos»

Aínda que xa non é responsable do bar Terraza, Leonardo García segue pasando polo local practicamente a diario. Vive moi cerca e aproveita para seguir mantendo trato cos que durante moitos anos foron os seus clientes. Ademais, preocúpase de que o establecemento que estivo ao seu cargo ata hai pouco siga funcionando.

-¿Están satisfeitos de ter encontrado alguén a quen traspasar o negocio?

-Estamos moi contentos de que o local siga aberto, sobre todo a miña muller. Ela sentiu moitísimo deixar o negocio no que traballamos durante tantos anos e non quería velo pechado. Por sorte apareceron outras persoas que se interesaron en seguir con el. Esperamos que os novos donos teñan a mesma sorte que tivemos nós e que poidan seguir traballando nisto ata que se retiren, se eles queren.

-¿A que cre que se debe a popularidade que tiveron?

-Cando o collemos, o Terraza xa tiña moita historia detrás, porque debe de ser un dos negocios máis antigos de Monforte. Pola nosa parte, penso que tiñamos unha oferta moi interesante desde o punto de vista da relación entre a calidade e o prezo. O trato persoal e próximo tamén foi moi importante para nós, porque estás traballando para os teus veciños e tes contacto directo con eles todos os días. Conseguimos facernos cunha clientela moi fiel e estámoslle moi agradecidos de que nos desen ocupación durante tanto tempo. E tamén botamos moitísimas horas de traballo e pasamos por moito sacrificio, porque os negocios desta clase requiren esforzarse moito.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

«A nosa clientela foi, sobre todo, xente traballadora»