«Nunca corto árbores vivas para conseguir pezas que tallar»

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Losada formouse como canteiro na emigración en Suíza, pero agora pasouse á madeira

27 feb 2018 . Actualizado a las 22:25 h.

O escultor Manuel Losada González (Bustelo de Arriba, Carballedo, 1959) emigrou á cidade suíza de Lucerna no ano 1978. Alí preparouse profesionalmente nunha escola de canteiría, e empezou a traballar despois na especialidade de moldura na restauración de edificios emblemáticos desa cidade e en diversas obras civís, ata o seu retorno á Galicia no ano 1994. Dende entón, vive coa sua familia no lugar da Torre na parroquia chantadesa de Merlán.

-¿Como despois de traballar na pedra un canteiro acaba esculpindo na madeira?

-Para min é igual de sinxelo traballar a madeira que a pedra, só hai unha cuestión de peso que fai máis incomodo traballar coa a pedra, que é a necesidade dunha grúa.

-Usa madeiras de árbores variadas.

-Así é. Trabálloas en Merlán onde teño meu taller, no que troquei os traballos en pedra polas esculturas en distintos tipos de madeiras, como o castiñeiro, carballo, cepas vellas e outras partes de árbores que vou atopando nos cursos fluviais e nas fluctuacións dos encoros de Belesar e dos Peares, tamén nas beiras dos remansos das augas batidas porque aí quedan moitas veces raíces de árbores xa sen terra. Nunca corto árbores vivas.

-¿Lévalle moito tempo rematar unha peza?

-Vou realizando as figuras sen présa, non son artista profesional e non tallo para sacar diñeiro, así que non teño calculado o tempo. Son taxista na vila de Chantada, oficio que escollín logo de desestimar a idea de montar un aserradeiro de pedra. Adícolle o tempo libre que me vai deixando o traballo. No tempo que me leva rematalas inflúen o tamaño da peza, o que haxa que desvastar, as impurezas que lle teña que sacar á madeira, lixar, vernizar, tintar ou encerar.

-Ten que labrar moito volume de madeira, precisará moitas ferramentas.

-As propias dun carpinteiro tradicional, pouca cousa eléctrica como un pequeno taladro para entrar en pequenos ocos. Tamén ás veces uso a motoserra para desvastar, pero polo demáis as ferramentas manuais de sempre, trenchas, gubias, serra de man e lixa, moita lixa para rematar ben lisa a figura e, sobre todo cando son de castiñeiro, para que amosen ben as fermosas vetas desta madeira, que ten a característica de conservarse moi ben a pesar do paso do tempo.

-Que representan as obras? Moitas semellan formas humanas.

-Cando vou paseando polos camiños ou polas beiras dos ríos vexo moitas pezas de madeira, troncos, polas e raíces, ningunha é igual á outra, pero entre moitas a van aparecendo formas que xa me van os ollos a elas. Véxolle a estas pezas algo que me chama a atención, algo que asemella outra cousa que non é un retallo de castiñeiro aboiando nun remanso, é unha figura en bruto que reclama a miña intervención, unha peza da natureza da que xa podo imaxinar a forma que vai ter; moitas semellan posturas ou actitudes humanas como ben se pode ver no resultado final.

-Que nivel de difusión ten a súa obra hoxe?

-Pouco. Xa digo que traballo a escultura por afección, non con ánimo de lucro, e vou regalando algunha a familiares e amigos. Si é certo que nun futuro quero achegar a miña obra ao público para que poida coñecela, falo dunha exposición na vila de Chantada ou dunha visita ao taller.