«Gasto antes nunha depuradora que nun paseo, é cuestión de prioridades»

Tomé encara con optimismo a recta final dun mandato no que as diferenzas co BNG o levaron a gobernar en minoría

.

monforte / la voz

No primeiro andar do consistorio pode verse unha mostra permanente cos retratos dos rexedores do século XX e do que vai de século XXI. Nun extremo está a foto de Emilio Mazaira, mandatario entre os anos 1900 e 1904, con chaleco, sombreiro ladeado, reloxo de cadea e un gran bigote en punta co que hoxe non gañaría moitos votos. Xusto á entrada do despacho do actual alcalde, o socialista José Tomé, colga a imaxe do seu predecesor no cargo, Severino Rodríguez (BNG), nunha foto provista xa do aire inmaculado do Photoshop. Tomé, polo que parece, non ten prisa por pasar á historia local.

-¿Dous anos e medio de alcalde e aínda non colgou a súa foto?

-A foto non foi unha cousa que me preocupase. A do alcalde que me precedeu ao pouco tempo xa estaba posta. Moitas veces dinmo os compañeiros do grupo de goberno: «Tes que acordarte de colocar a túa foto». Non é ningunha prioridade, pero haberá que colgala.

-O que son as cousas, a oposición di que a vostede pérdeo a ansia de saír na foto.

-Entendo que a oposición queira facer un traballo de desgaste do goberno, pero penso que esa é unha mala política. A oposición é crible se os seus argumentos están baseados na verdade. Cando o que fas é inventar cousas, non recolles beneficios políticos nin de ningún outro tipo. Se salgo nas fotos é, en todo caso, porque fago cousas. Do contrario, non sairía.

-¿Sempre foi vostede construtivo na oposición?

-Sempre permitín que se aprobase todo o que supoñía algo importante para Monforte. Incluso no plan xeral de ordenación municipal era partidario de seguir cosa súa tramitación cando se decidiu retiralo. Outros partidos da oposición quixeron sacar rédito do populismo e penso que foi un erro enorme. Cando o anterior alcalde deixou o cargo, dixo nos medios que contara co meu apoio nos aspectos que eran fundamentais.

-Aínda así, no anterior mandato o BNG preferiu gobernar en minoría antes que reeditar o pacto con vostede.

-Eu creo que foi un grave erro pola súa parte ou por parte do seu equipo, que ao mellor non lle deixou. Non sei exactamente o que motivou a súa negativa. Os socialistas podíamos terlle sido de moita axuda nun mandato que foi o peor dos tres. Faltaron iniciativas por non ter unha maioría política que si tería con nós.

-Pero vostede goberna en minoría, ¿tampouco quixo tela?

-Non, eu intentei ter esa maioría ata o final. De feito, foi a outra parte quen deixou de chegar a un acordo pola súa pretensión de fraccionar as competencias de urbanismo. Por iso se romperon as negociacións. O urbanismo nunha cidade é único, non po de haber un para o casco vello e outro para o resto. Non foi por culpa do PSOE polo que gobernamos en minoría.

[A oposición bótalle en cara a Tomé a falta dun proxecto de cidade, de actuacións relevantes que supliría a base de pequenas obras. O alcalde responde cun torrente de datos. Cando remate o mandato, di que serán cincuenta as rúas arranxadas e máis de cen as pistas rurais. Segundo os seus cálculos, vinte puntos do casco urbano melloraron o alumeado público e hai outros nove proxectos en carteira. Pasa a repasar o incremento do gasto en servizos sociais, as melloras no saneamento e na rede de auga...]

-Moitas obras, pero os 20.000 habitantes están lonxe.

-¿Canta tinta se leva gastado sobre as empresas do porto seco? Pois resulta que cando chegamos ao goberno aínda non tiña depuración de augas residuais. Nós solucionamos ese tema e estaríamos encantados de dar licenza a esas empresas que se anunciaron dende Xestur, ou outras que poidan estar interesadas en vir. Esa é unha obra fundamental. Hai que fixar prioridades e eu gasto antes na depuradora do porto seco que nun paseo fluvial. Nunha ocasión pedín axuda ao presidente da confederación hidrográfica para facer arranxos no saneamento e a súa resposta foi que non se poden gastar os cartos en paseos cando hai un problema tan gardo sen resolver. Eu tamén o teño moi claro.

-Vostede visitou Inditex coa documentación do porto seco baixo a brazo. ¿Ve interese neste grupo por instalarse en Monforte?

-Sempre que podo, trato de facer o papel de comercial de Monforte, vender ás súas potencialidades entre empresas que poidan estar interesadas en vir. Inditex non opera co tren. Para os seus tempos de resposta, recorre ao transporte por avión ou estrada. Pero Monforte pode interesarlle para algún tipo de almacén, como os de Laracha ou Narón. Ten que haber un conxunto de empresas que saiban das nosas posibilidades, aínda que sexa a varios anos vista. Hai que estar no mercado.

-¿Cal pensa que é o seu punto forte?

-O traballo. Penso que a capacidade de traballo.

-¿E o seu maior defecto?

-Non sabería dicir, seguro que teño moitos.

«Trato de ser un comercial de Monforte, vender a súa potencialidade ás empresas»

Político, sindicalista e tamén viticultor

José Tomé Roca naceu en setembro de 1958 en Guitiriz, pero leva xa 41 anos vivindo en Monforte, onde ten praza de profesor de tecnoloxía agraria no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal. Foi secretario de xeral de UGT Lemos, sindicato no que ocupou tamén diversos cargos en Galicia e a nivel estatal. Co PSOE, ademais de concelleiro foi deputado no Parlamento de Galicia entre os anos 2005 e 2011, cando tivo que renunciar á súa acta para centrarse na actividade municipal. Nas eleccións locais do 2015 converteuse no primeiro alcalde socialista de Monforte desde as constituíntes de 1977. Desde a súa investidura, goberna en minoría con seis dos dezasete concelleiros. É secretario local do PSOE e na última reorganización da executiva dos socialistas lucenses foi nomeado vicesecretario provincial. Fora da política, pertence á unha peña gastronómica local e ten fama de bo cociñeiro. Mercou unha viña cunha pequena adega na ribeira de Chantada, onde elabora o seu propio viño.

«Noutros tempos non pasaba, pero hoxe imos da man con Lugo nas nosas reivindicacións»

A venda das potencialidades de Monforte está supeditada en boa medida ao desenvolvemento das infraestruturas pendentes. Fundamentalmente, a autovía entre Ponferrada e Ourense e a mellora das liñas ferroviarias Ourense-Lugo, para viaxeiros, e Monforte-Palencia, no caso das mercadorías. En tempos, Monforte non atopou moitos aliados nas súas reivindicacións. Na actualidade, segundo o alcalde, hai total sintonía coa capitalidade da provincia. «Esas reclamacións posiblemente non fosen tan unánimes noutros momentos, hoxe imos todos da man. O importante é mirar adiante», apunta Tomé.

-Din os propietarios do casco vello que Patrimonio é a ruína de Monforte. ¿Compárteo?

-Penso que habería que permitir a rehabilitación dos edificios cunha visión más xenerosa. As condicións de vida non son as mesmas que hai cen anos. Fan falta máis axudas, pero tamén máis flexibilidade.

-A asociación Prodeme, orientada á integración social das persoas con discapacidade intelectual, mantén un pulso con vostede pola negativa a concederlle unha bonificación fiscal. ¿Faltou flexibilidade tamén?

-A min sorprendeume todo iso, aos meus compañeiros do grupo de goberno tamén. Nós non empezamos ningunha polémica, fomos vítimas dela. Penso que obedeceu a algún tipo de busca de rédito político por parte de alguén, máis que a problemas reais con esa entidade. Para nós o tema ten un recorrido estritamente legal. Está resolto. Se piden algo que estea amparado pola lexislación, poderán recibilo. En caso contrario, non.

-¿Remataron as liortas internas no PSOE?

-No PSOE non hai ningunha liorta interna. Hai compañeiros que resultaron elixidos e todo o mundo está en clave de traballar para chegar aos cidadáns. Para obter bos resultados nas eleccións autonómicas e estatais hai que telos antes nas municipais.

-¿Bótase en falta a Besteiro?

-Hai un líder claro, Gonzalo Caballero, qué secretario xeral con todas as bendicións. Besteiro pode ser útil no futuro ao noso partido, aínda que noutro papel. Estou convencido de que a investigación xudicial que condicionou a súa vida política rematará en nada. E sería bo axilizala.

-¿Algunha quiniela para as municipais en Monforte?

-Estou convencido de que teremos bos resultados.

-¿Cantos concelleiros?

-Non debo dicilo.

Votación
10 votos
Comentarios

«Gasto antes nunha depuradora que nun paseo, é cuestión de prioridades»