Alfareiras, manifestantes e supernenas

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

As tradicionais comadres volveron para rememorar tempos pasados e para criticar os do presente

09 feb 2018 . Actualizado a las 13:44 h.

Un tempo frío pero soleado recibiu onte na comarca de Lemos ás tradicionais comadres, que apareceron en múltiples lugares para representar humoristicamente escenas alusivas aos tempos presentes e pasados. Na praza de España de Monforte adoptaron a apariencia dun grupo de fatigadas peregrinas do Camiño de Inverno que descubren que na cidade non hai ningún albergue. No barrio de Rioseco organizaron unha manifestación para protestar -cargadas de cubos, baldetas e botellas de plástico- contra os problemas no subministro de augas e para esixir que este servizo sexa de novo xestionado polo Concello.

As comadres da parroquia de Ribas Altas, pola súa parte, asumiron a forma dunha multitude de Mary Poppins que aterraban con bolsos cargados das «malas novas» que trouxo o último ano: «Paro, independencia, crise, corrupción, violencia e demais». Na escaleiras da entrada do centro multiusos representaron ás concelleiras Maribel García, Pilar López e Julia Rodríguez convertidas nun trío de «Supernenas». Na residencia da asociación Prodeme, alleas á política, dedicáronse a xogar un burlesco partido de fútbol.

Os veciños da parroquia monfortina de Distriz, seguindo a súa propia tradición, recrearon cunha precisión de museo etnográfico unha escena da vida rural de antano. As comadres representaron a un grupo de oleiras de Gundivós fabricando diferentee cacharros de uso doméstico e cargando a súa mercadoría nun carro -protexida con grosos feixes de fentos- para levala a vender polas feiras.

Unha voda en Mañente

Na parroquia de Mañente, en Pantón, as comadres inspiráronse na situación política catalá, como fixeron a semana os compadres. Neste caso, asistiron a unha peculiar «voda» entre Cataluña e España que foi presidida por Isabel Pantoja desde o alto dun carro do país. Por outro lado, baixo o lema «Sober te cambia», un numeroso grupo de comadres parodiou na praza do Concello desta localidad a moda das operacións de cirurxía estética.