Chegan seis días cargados de entroido

O Xoves de Comadres abre hoxe o período máis activo dos festexos nas comarcas do sur lucense


monforte / la voz

A partir de hoxe e ata o martes celebraranse nos municipios de do sur lucense as principais xornadas das festas de entroido. A única excepción é Pantón, onde o desfile de comparsas será o día 17. Comezará ás 16.00 horas no colexio Monte Baliño. A continuación detállanse as actividades que se desenvolverán durante os próximos días.

Hoxe. No municipio do Saviñao celébrase o Xoves de Comadres cunha serie de xogos populares

para rapaces ás 17.00 horas na carpa da praza de España de Escairón. No mesmo lugar, ás 19.00, será a queima das comadres. Na praza de España de Monforte celebrarase a partir das 17.30 horas o certame municipal de comadres. Tamén hai un concurso de comadres na Pobra do Brollón, ás 18.30 horas diante da casa consistorial. En Sober, por outra parte, un conxunto de comadres estará exposto durante todo o día na praza do Concello.

Mañá. Ás 17.00 horas comezará unha festa infantil de entroido no centro sociocultural de Currelos, no municipio do Saviñao.

Sábado. Na capital municipal da Pobra do Brollón haberá un desfile de comparsas que arrancará ás 17.00 horas do cruzamento da estrada de Saa. Para participar no certame de comparsas que organiza o Concello hai que inscribirse -ata mañá como límite- na Casa de Cultura ou no teléfono 982 430 546. Ás cinco da tarde comezará tamén unha festa infantil na casa consistorial de Folgoso do Courel. En Sober haberá un desfile de comparsas a partir das 17.30 horas, seguido do chamado Baile da Cachucha, no que se ofrecerá unha degustación deste produto. Ese día tamén haberá en San Clodio de Ribas de Sil un desfile de comparsas que sairá ás 17.30 horas do colexio público local e rematará cunha chocolatada na praza do Concello. O municipio do Incio celebrará ao mesmo tempo o seu desfile de carnaval, que terá o punto de partida na residencia San Rosendo e continuará cunha degustación de orellas e chocolate, unha serie de xogos infantís, unha actuación musical do grupo Tribal e unha cea de entroido no mesón Sarabia. A partir das 18.30 horas haberá en Taboada unha «ruta osovitivinícola» polos bares da localidade, animada polos grupos Os d’Eiquí, Os Rechouchíos, Chorimas e Falcatrueiros. Ás 22.30 horas ofrecerase unha cea popular e a medianoite comezará o festival musical Festóso, cos grupos Raiba e Yeyo. Na parroquia de Salcedo, na Pobra do Brollón, haberá a partir das 22.00 unha sesión de teatro popular.

Domingo. O municipio de Taboada celebrará a e Festa do Caldo de Ósos, que comprenderá unha degustación gratuíta deste prato típico -na imaxe sobre estas liñas-, un xantar ás 14.15 e unha verbena coa orquestra Gran Parada ás 22.30. Por outro lado, a parroquia chantadina de Santiago de Arriba acollerá a terceira xornada do Entroido Ribeirao a partir das 16.00 horas. En Quiroga celebrarase esta xornada o desfile de comparsas, que arrancará ás 17.00 horas da rúa Piscinas. Á mesma hora comenzará no local multiusos de Salcedo o tradicional baile de madamas e danzantes. Unha hora despois, o actor Avelino González pronunciará o pregón dos festexos. Ás 20.00 horas haberá un baile co trío Sabor Latino, seguido de teatro popular ás 22.00 e dunha verbena coa orquestra Los Satélites. Ás 17.00 horas haberá unha festa infantil no pavillón deportivo de Escairón. Media hora máis tarde comezará un baile de disfraces no centro sociocultural de Bóveda. Outro baile de disfraces terá por escenario o pavillón municipal de Carballedo a partir das 18.00 horas.

Diferentes citas festivas para os inicios da semana próxima en sete municipios

Durante as dúas primeiras xornadas da semana próxima haberá varias celebracións en cinco municipios do sur da provincia.

Luns. Ás 16.30 horas comezará a xornada máis característica do entroido de Salcedo coa saída do popular Oso e dos seus axudantes. Ás 21.00 horas ofrecerase nesta localidade unha cea popular e comezará unha verbena animada polas orquestras Fania Blanco Show e Gran Parada. Ese mesmo día será a xornada principal do entroido en Taboada, onde haberá animacións para nenos entre as 17.00 e as 19.00 horas no centro cívico. No mesno lugar celebrarase a partir das 23.30 horas un baile de disfraces amenizado por un dúo musical e un DJ. En Quiroga, por outro lado o pub Yoyas acollerá a partir ás 17.00 horas unha festa infantil de disfraces.

Martes. A parroquia de Santiago de Arriba celebrará a partir das 16.00 horas a última xornada do Entroido Ribeiro. Na capital do mesmo municipio, Chantada, comezará ás cinco da tarde o desfile de comparsas. Ao mesmo tempo empezará o desfile na praza da Estación de Monforte, para discorrer ata a praza da Compañía. Co mesmo horario celebrarase o desfile na rúas da capital municipal do Saviñao, onde a partir das sete haberá ademais unha pancetada popular acompañada polas actuacións da charanga Arredores e do dúo Camelia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Chegan seis días cargados de entroido