«Quero animar á xente a mirar o ceo nocturno»

f. A. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

José Camilo López nunha exposición de fotografía de natureza que presentou anteriormente en Bóveda
José Camilo López nunha exposición de fotografía de natureza que presentou anteriormente en Bóveda ROI FERNANDEZ

Camilo José López presenta mañá na Casa de Cultura de Monforte a exposición «Luces da noite»

02 feb 2018 . Actualizado a las 12:48 h.

O enxeñeiro industrial e fotógrafo José Camilo López Pérez, veciño de Bóveda, inaugura este venres na Casa de Cultura de Monforte a exposición «Luces da noite», a primeira mostra de astrofotografía que se ofrece no sur lucense. Poderá visitarse ata o día 23.

-¿Onde foron as feitas as fotografías desta exposición?

-Fíxenas durante os últimos dous ou tres anos en diferentes lugares do sur lucense. Unha boa partes foron realizadas nos miradoiros do canón do Sil, en sitios como Doade e Cadeiras, entre outros. Tamén hai algunhas que foron feitas no encoro de Vilasouto, no Incio, e xunto á fábrica de cementos de Oural, en Sarria.

-¿Que técnica utiliza?

-Son fotos de longa exposición feitas con trípode. A maioría das imaxes foron tomadas cun tempo de exposición de en torno a trinta segundos. Se a exposición é máis prolongada, o movemento de rotación da Terra fai que as estrelas aparezan movidas, e eu prefiro obter imaxes estáticas.

-¿As condicións meteorolóxicas deste territorio son apropiadas para a astrofotografía?

-Estamos en Galicia e por tanto temos moitas noites con nubosidade, chuvia e néboa ao longo do ano. Pero tamén temos un aire moi limpo e unha contaminación lumínica escasa, polo que cando a meteoroloxía é favorable as condicións poden ser excelentes. A área urbana de Monforte non é un sitio apropiado debido á forte iluminación nocturna, pero a poucos quilómetros da cidade hai unha visibilidade moi boa.

-¿Que época do ano é a mellor para facer este tipo de fotos?

-A min paréceme especialmente recomendable a partir de maio, porque nesa época é cando se fai visible o núcleo da Vía Láctea. O canón do Sil é un sitio moi indicado para obter imaxes espectaculares da Vía Láctea.

-Ademais do aspecto artístico das imaxes, ¿a exposición ten unha finalidade divulgativa?

-Si, porque o que pretendo sobre todo é animar á xente a observar o noso ceo nocturno. Paréceme unha pena que aquí non haxa máis afección popular pola astronomía, porque temos unhas condicións de visibilidade moi boas. Cuns simples prismáticos é fácil observar moitas cousas interesantes, como os cráteres da Lúa, os satélites de Xúpiter, os aneis de Saturno ou a galaxia de Andrómeda. Espero que esta exposición axude a incrementar esa afección e a que aquí se organicen xornadas de observación do ceo nocturno como as que se fan con regularidade noutros lugares. Pode ser algo moi interesante no ámbito educativo e incluso no do turismo.