As primeiras citas festivas dun Entroido moi madrugador

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

O ciclo iniciarase esta fin de semana no sur lucense co Domingo Lambedoiro e seguirá co Xoves de Compadres

26 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da asociación Amigos do Entroido Ribeirao, Juan Carlos González, e a deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto, presentaron onte en Lugo a nova edición deste festexo tradicional, que comezará a celebrarse esta fin de semana co Domingo Lambedoiro. O organismo provincial colabora na súa organización cunha axuda económica de 3.000 euros. No acto, celebrado na sede da Deputación, García Porto resaltou o traballo realizado polos veciños da parroquia de Santiago de Arriba «para manter vivo na nosa provincia un dos entroidos máis fermosos e auténticos da nosa provincia».

A continuación detállanse as primeiras convocatorias deste ciclo festivo no sur da provincia.

 Chantada. O domingo será a primeira xornada do Entroido Ribeirao, que comezará ás doce do mediodía cun desfile polas rúas da capital do municipio no que participarán os personaxes dos carnavais tradicionais ourensáns de Vilariño de Conso, Viana do Bolo e Castrelo do Val. Pola tarde, a festa comezará ás 16.00 horas na parroquia de Santiago de Arriba. As seguintes xornadas dos festexos serán o 4 e o 11 de febreiro, respectivamente Domingo Corredoiro e Domingo de Entroido.

 O Saviñao. Neste municipio, as celebracións comezarán o mércores cun obradoiro de compadres que se desenvolverá na biblioteca municipal de Escairón de 17.15 a 18.30 horas. Para participar é preciso inscribirse previamente chamando ao teléfono 982 452 234. Ao día seguinte celebrarase o Xoves de Compadres na carpa da praza de España, a partir das cinco da tarde.

 Monforte. A primeira xornada festiva será o 1 de febreiro, Xoves de Compadres. O día anterior pecharase o prazo de inscrición do concurso organizado polo Concello. Os interesados poden presentar as súas solicitudes nas oficinas do rexistro xeral municipal. Haberá unha categoría colectiva, con dous premios dotados respectivamente con 95 e 65 euros, e un accésit de trinta euros. Na categoría individual os premios serán de 65 e 35 euros, e o accésit de dezaoito euros. As bases do certame inclúen un premio á mellor composición etnográfica e outro á mellor crítica social, dotados ambos con cen euros. As resolucións do xurado daranse a coñecer durante un festexo que comezará ás 17.30 horas e terminará coa queima dos compadres.

 Pantón. O Concello abriu o prazo de inscrición para un certame de comparsas que se celebrará o 17 de febreiro, coincidindo co desfile que comenzará ás 16.00 horas xunto ao colexio público Monte Baliño. As bases establecen dúas categorías -de adultos e infantís- e dentro destas, tres apartados que corresponden respectivamente aos grupos de dez ou máis compoñentes, de cinco a nove compoñentes e de un a catro compoñentes. No caso dos adultos, haberá premios de 350, 200 e 150 euros para a primeira categoría; de 150, 125 e 100 euros para para segunda, e 100, 75 e 50 para a terceira. Nos grupos infantís, os premios da primeira categoría serán de 180, 160 e 150 euros; os da segunda, de 100, 75 e 50 e os da terceira, de 50, 40 e 20 euros. As inscricións poderán efectuarse ata o día 16 no centro sociocultural, de luns a venres entre as 10.00 e as 20.00 horas e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Tamén é posible apuntarse chamando nestes mesmos horarios ao teléfono 982 456 377.