Construído en Sober o primeiro miradoiro do canón do Cabe

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

Será aberto ao público cando se talen uns piñeiros silvestres que tapan a vista da desembocadura deste río no Sil

24 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A construción do primeiro miradoiro situado sobre o canón do río Cabe acaba de terminar nas cercanías da localidade da Barca, pertenecente á parroquia de Anllo Santo Estevo, en Sober. A estrutura, situada nunha paraxe coñecida como Pena do Conde, foi deseñada pola empresa lucense Gimena Ingeniería, que tamén se encargou dos proxectos dos miradoiros do Boqueiriño, Cadeiras e Santiorxo -no mesmo municipio-, inaugurados no 2013. A obra tivo un custo de 43.246 euros e foi financiada co apio da axencia Turismo Galicia e dos fondos europeos Feader. O Concello de Sober achegou cerca de 10.000 euros. Con este xa son dez os miradoiros instalados no territorio municipal.

Se ben os traballos de construción xa concluíron, a apertura do novo miradoiro non se levará a cabo ata dentro dalgún tempo, segundo explica o alcalde Luis Fernández Guitián. Antes será preciso talar un certo número de piñeiros bravos que se encontran diante da estrutura e que ocultan a paisaxe. Unha vez rematado este labor, o miradoiro ofrecerá vistas da desembocadura do Cabe no Sil e do mosteiro ourensán de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Queimados nun incendio

O alcalde sinala que os piñeiros situados no entorno do novo miradoiro arderon na súa maior parte nun incendio que se declarou en xuño do ano pasado. «En caso de que non tivesen ardido, a nosa intención era talalos igualmente para despexar a vista, o mesmo que se fixo no seu día no miradoiro de Santiorxo», explica. En ambos casos -engade o rexedor- trátase de piñeiros que creceron espontaneamente no monte sen teren sido plantados.

Fernández Guitián sinala por outro lado que o goberno municipal quedou «moi satisfeito» do traballo e do aspecto estético do novo miradoiro, construído en madeira e aceiro corten, que se oxida sen corroerse. «Ten un deseño contemporáneo moi atractivo e íntegrase moi ben na paisaxe», apunta. Nas súas cercanías está o conxunto de petróglifos da Tapada do Monte -un dos máis importantes do municipio-, que á súa vez se encontra na ruta de sendeirismo Viñedos da Ribeira Sacra.

O alcalde sinala por outro lado que o Concello intentará conseguir durante este ano unha nova subvención de Turismo, neste caso para reformar os miradoiros de Pena do Castelo, Soutochao e Os Chelos. «Estas estruturas foron construídas no seu día con materiais que hoxe non se permitirían, como o terrazo, e pretendemos darlles un aspecto máis acorde cos outros miradoiros do municipio», conclúe.