Movistar dá por resolta a avaría das conexións telefónicas no Courel

La Voz QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

23 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouco despois das once da mañá de onte quedou reparada a avaría que desde o pasado día 8 provocou numerosos problemas de conexión telefónica en diversas localidades do municipio de Folgoso do Courel, segundo informou a empresa Movistar, responsable deste servizo. Os problemas -engadiron a este respecto os responsables- debéronse a que a neve cubriu as antenas dunha estación base que presta servizo a este territorio. «A estación está situada nunha zona con problemas de acceso e foi por iso que se demorou a reparación da avaría», apuntaron por outro lado desde a empresa.

Os problemas afectaron aos teléfonos fixos e móbiles e á conexión a Internet en diversos graos e en función dos lugares. A avaría fíxose notar principalmente en localidades como Visuña -na imaxe sobre estas liñas-, Moreda, Romeor e Ferramulín. Nalgúns destes puntos a cobertura dos móbiles funcionou unicamente durante algúns minutos ao día. O goberno local, segundo indicou a alcaldesa Dolores Castro, reclamou á empresa en reiteradas ocasións que reparase a avaría.