As escavacións do castro de Cereixa, en busca de fondos para continuar

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

Os promotores do proxecto intentarán conseguir durante este ano axudas de diversas institucións públicas e privadas

23 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No castro de San Lourenzo -na Pobra do Brollón- está previsto terminar esta semana os traballos de restauración e consolidación dos restos de construcións e de antigas sepulturas que foron postos ao descuberto na campaña arqueolóxica que se desenvolveu entre os pasados meses de outubro e decembro. Ao mesmo tempo, os responsables deste proxecto promovido pola asociación veciñal da parroquia de Cereixa están estudando fórmulas para darlle continuidade ao longo deste ano.

Segundo explica o arqueólogo Xurxo Ayán, director técnico das escavacións, a asociación espera por unha parte seguir contando co apoio de Abanca, que axudou a sufragar boa parte dos anteriores traballos. Por outro lado, intentarase conseguir unha nova subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que financiou a última campaña con 35.000 euros. Así mesmo, negociarase coa Dirección Xeral de Xuventude para tratar de organizar durante o verán un campamento xuvenil de traballo, como se ten feito noutros xacementos arqueolóxicos. Outra institución á que está previsto pedir axuda é a Deputación lucense. «Nas campañas realizadas ata agora procuramos combinar as axudas públicas e privadas e este año queremos seguir na mesma liña», apunta Ayán.

 

Venda de produtos

Outra fonte de financiamento que xa se experimentou dentro deste proxecto é a venda de diversos productos -como botellas de viño cunha etiquetaxe especial, cuncas e camisetas-aos participantes nas visitas guiadas ás escavacións que se ofreceron durante o pasado ano. Por outro lado, a asociación organizou en decembro un festexo no conxunto de antigas adegas de Vilachá de Salvadur a fin de recadar fondos para financiar os traballos arqueolóxicos. «Nos próximos meses seguramente haberá máis actividades deste tipo, que axudan a consolidar o castro como recurso turístico», sinala o arqueólogo.

Durante este ano, ademais, seguirán realizándose actividades de divulgación dos achados efectuados no castro. A próxima consistirá nuna conferencia e un coloquio que se desenvolverán o día 30 na sede do Consello de Cultura Galega -en Santiago- dentro dun ciclo de charlas sobre os actuais proxectos arqueolóxicos galegos que promove este organismo. A actividade comezará ás 17.00 horas e poderá seguirse en directo por Internet. Xurxo Ayán sinala que tamén está previsto participar en setembro en Barcelona no congreso anual de Asociación Europea de Arqueólogos, onde o proxecto de Cereixa contará cun posto propio.

No laboratorio están en estudo restos humanos e numerosos obxectos, algúns sen identificar

À espera das próximas escavacións que se prevé realizar no castro de Cereixa en verán, durante os próximos meses levarase a cabo o estudo no laboratorio dos numerosos materiais que foron desenterrados durante a última campaña de escavacións. Nesta investigación ocupa un importante lugar o esqueleto humano exhumado no cemiterio medieval descuberto no interior do recinto castrexo, xunto ao restos do que parece ser a antiga igrexa da parroquia.

A análise destes ósos corre a cargo do bioarqueólogo Patxi Pérez Ramallo. O investigadores esperan poder realizar unha datación mediante o método do carbono 14 para determinar coa maior precisión posible a antigüidade deste enterramento. «Queremos encargar estas análises a un laboratorio especializado de Estados Unidos que pode facilitar os resultados en moi pouco tempo, pero antes temos que calcular ben o orzamento con que podemos contar para isto», indica Xurxo Ayán. «Se todo vai ben, poderemos saber a que época pertencen eses restos humanos cunha marxe de erro de en torno a oitenta anos», agrega.

 

Pezas metálicas

Nas escavacións recuperáronse tamén diversas pezas metálicas entre as que destaca un obxecto que os arqueólogos aínda non puideron identificar. Trátase dun disco de bronce -na imaxe sobre estas liñas- en cuxo emerxe unha estrutura en forma de tubo. Esta peza apareceu nunha zona do castro que corresponde a un poboamento da época galaicorromana. «Se tivese aparecido entre os restos da igrexa poderíamos pensar que é o soporte dunha vela, pero non é así e por agora non sabemos en que consiste», explica Ayán.

Entre os materiais que se encontran actualmente en estudo hai outro obxecto metálico non identificado que apareceu no referido enterramento e que podería consistir nun crucifixo. Os arqueólogos examinan así mesmo unha serie de moedas do século XVII e outras da época medieval, e unha grande cantidade de fragmentos de cerámica.