«No pazo de Tor apostamos pola excelencia no trato»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Lago considera que a boa imaxe do museo entre os visitantes é debida a un modelo singular de xestión

16 ene 2018 . Actualizado a las 12:44 h.

A xerente da rede museística da Deputación, Encarna Lago, considera que os numerosos comentarios favorables que recibe o pazo de Tor na web de viaxes Tripdavisor é o resultado do modelo de xestión aplicado neste centro. «Apostamos pola excelencia no trato e a atención personalizada, e os visitantes están recoñecendo este esforzo», afirma.

-¿Que cre que é o que máis aprezan os visitantes, ata o punto de ser o museo lucense máis valorado en Tripadvisor?

-Os comentarios que están deixando indican que hai un grao de satisfacción moi alto co labor dos guías, ademais do interese dos contidos do museo. Polas súas características, o museo non pode crecer incontroladamente en canto ao número de visitantes. En vez diso, o que potenciamos é un trato cercano e de alta calidade. Non podemos medrar moito en número de visitas e queremos medrar en excelencia. As explicacións que se ofrecen aos visitantes comprenden informacións moi detalladas sobre cada un dos obxectos que se poden ver, sobre a súa pequeña historia, sobre como chegaron ao pazo... Penso que conseguimos crear un museo de emocións e que os visitantes aprezan moito esa experiencia.

-¿Hai un límite trazado en canto ao número de visitantes?

-Si, en ningún caso poden pasar dos 9.000 ao ano. Consideramos que sobrepasar esas cifras afectaría á conservación do museo. Cando vén unha excursión en autocar con cincuenta persoas, por exemplo, dicimos aos organizadores que non pode entrar tanta xente ao mesmo tempo. Nese caso, deben repartirse en varias quendas e mentres unha parte do grupo visita o pazo, o resto poden ir ver outros puntos de interese en Monforte.

-¿Que problemas podería causar un exceso de visitas?

-Por unha parte, o pazo non podería mostrarse ao público tal como está hoxe, que é o estado no que o deixou a súa última propietaria, Mari Paz Taboada. Os obxectos non se exhiben en vitrinas, senón que están distribuídos polas estancias da mesma maneira que cando o pazo servía de vivenda. Os pisos son os orixinais e non están reforzados con placas de cemento, polo que non resistirían un exceso de visitas. Cando se trata dun patrimonio fráxil hai que limitar o número de visitantes. Iso sucede aquí e en moitos outros lugares, como poden ser a cova de Altamira ou a praia das Catedrais.

-Aparte dos usuarios de Tripadvisor, ¿o museo está recibindo outros recoñecementos?

-Algo que nos causou moita satisfacción é que o pazo foi situado por unha guía especializada entre os catro puntos turísticos máis interesantes da provincia para acoller visitas de persoas con discapacidades. No mundo da museoloxía tamén están despertando moito interese as actividades que desenvolvemos ao longo do ano, en moitos casos relacionadas coa inclusión social e dirixidas a persoas aqueixadas de alzhéimer ou de autismo. Chámannos de moitos lugares, como Asturias, Andalucía ou Portugal, para que falemos destas experiencias.

-¿O pazo é suficientemente coñecido en Monforte?

-Nese sentido creo que aínda temos que avanzar moito, e sobre todo no que respecta ás actividades educativas que organizamos no museo. A miúdo veñen nenos de Sarria ou Samos para participar nos nosos obradoiros, pero é máis raro que veñan de Monforte. Pensamos seguir traballando moito con estas actividades, para nenos e para adultos, e durante este ano desenvolveremos un programa que penso que terá moito interese.