A Ribeira Sacra terá seis festas BIC

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Os festexos de valor cultural recoñecidos pola Xunta contarán con apoio oficial, pero non recibirán subvencións

10 ene 2018 . Actualizado a las 22:22 h.

Oito manifestacións da cultura tradicional da Ribeira Sacra adquirirán a categoría de ben de interese cultural (BIC) cando remate o proceso de declaración deste territorio como paisaxe cultural, iniciado a finais do mes pasado pola Consellería de Cultural. Desde este departamento puntualizan que a adquisición de tal rango non implica a concesión de subvencións directas para axudar ao seu mantemento. No caso dos festexos populares, tampouco significará o seu recoñecemento como festa de interese turístico. Un dos novos BIC -a festa da queima de fachas de Castelo, en Taboada- xa conta con esa categoría, mentres que outros dous -os entroidos tradicionais de Chantada a A Pobra do Brollón- levan varios anos intentando conseguila.

A declaración como BIC destas manifestacións, sinalan por outra parte desde a consellería, réxese polo título quinto da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia promulgada en maio do 2016. Neste título contémplase o recoñecemento de persoas individuais, comunidades e organizacións sen ánimo de lucro que se signifiquen pola súa contribución ao mantemento e á transmisión do patrimonio inmaterial. Así mesmo, prevese a creación de órganos de xestión representativos desas entidades recoñecidas que poderán «propoñer e establecer as medidas de salvagarda que resulten máis adecuadas para a conservación e transmisión dos seus valores culturais». A consellería poderá colaborar con eses órganos prestándolles apoio e asesoramento técnico e incluso incorporarse a eles «para facilitar a definición ou a execución de determinadas medidas de salvagarda».

Protección de espazos

Por outra parte, a Lei do Patrimonio Cultural abre a posibilidade de protexer, se se considera necesario, «espazos e lugares importantes para a memoria colectiva como soportes indispensables nos que o patrimonio cultural inmaterial poida expresarse». A protección dos bens materiais relacionados co patrimonio inmaterial rexerase en tal caso polo réxime xeral de conservación dos bens mobles e inmobles que establece a mesma lei.

A medida é ben recibida polos colectivos que conservan as tradicións

O colectivo chantadino Amigos do Entroido Ribeirao -segundo apunta o seu presidente, Juan Carlos González- considera positiva a declaración deste festexo como BIC «sobre todo pola parte publicitaria, ou sexa, porque axudará a que a festa sexa máis coñecida». Ademais, a asociación espera que a nova categoría axude a conseguir apoios de diferentes institucións para crear un centro de interpretación e acondicionar o campo onde se celebra o festexo. «Isto parécenos máis interesante que a declaración de interese turístico, á que estamos pensando en renunciar porque nos resulta moi complicado conseguila», añade González.

Pola súa parte, a directiva da asociación veciñal que organiza o entroido do Oso de Salcedo, prefire non pronunciarse sobre o asunto mentres non consulte o parecer dos seus integrantes.

A declaración axuda

Por outro lado, a asociación que organiza a festa da queima das fachas de Castelo, en Taboada, confía que a categoría BIC -que xa solicitou no 2007- axude a atraer máis visitantes. «Nós temos a categoría de festa de interese turístico desde o 2008 e iso fixo que viñese máis xente a vela», explica o seu presidente, Manuel Fidalgo. «Esperamos que a declaración como BIC teña un efecto similar», agrega.

A asociación veciñal que conserva o folión da parroquia de Vilelos -no Saviñao- espera así mesmo que o recoñecemento oficial confira unha maior celebridade ao festexo. «E gustaríanos tamén que servise para que as administracións públicas nos presten máis axuda para organizala, porque somos unha aldea pequena que ten cada vez menos veciños e conservar esta festa custa moito traballo», apunta Tania Mirás, secretaria da entidade.

En canto á declaración o como BIC da olería de Gundivós, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, cre que a medida «será moi positiva para promocionar esta artesanía tradicional e resaltar o seu valor, aínda que na actualidade só teñamos dous oleiros en activo».

A fundación Xosé Soto de Fión cualifica como importante o recoñecemento do patrimonio inmaterial da Ribeira Sacra, ao que lle dedica un amplo espazo no museo que xestiona en Arxeriz, no Saviñao. «A iniciativa axudará a situar no mapa estras tradicións ancestrais e a visibilizar o labor dos que traballan para mantelas vivas», apunta José Antonio Quiroga, director do museo.