A saramaganta, un elemento pouco coñecido da fauna da Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

O río Torrón, no municipio de Taboada, é un dos lugares onde se conserva esta especie vulnerable

06 ene 2018 . Actualizado a las 12:32 h.

O animal que aparece na imaxe sobre estas liñas non é fácil de ver e fotografar. Este exemplar foi encontrado no entorno do río Torrón, nas cercanías da localidade de Recemondelle, pertencente á parroquia taboadesa de Xián. Trátase dunha saramaganta ou píntega rabilonga -salamandra rabilarga en castelán-, unha especie considerada como unha xoia do patrimonio natural galego e ibérico. A súa presenza nun determinado lugar é un indicio de boa calidade ambiental, xa que está ligada ás correntes de auga limpas e osixenadas e ás áreas ben conservadas de bosque caducifolio.

A saramaganta (Chioglossa lusitanica) é un anfibio endémico do noroeste ibérico, xa que só se pode ver en Galicia, o norte de Portugal e algunhas áreas de Asturias e León. Está considerada como especie vulnerable na lexislación galega e estatal. Polo seu valor medioambiental, no 2015 foi declarada especie do ano na reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O exemplar da fotografía foi localizado polo fotógrafo Roi Fernández e o biólogo Juan Luis Casas nunha carballeira situada á beira do mencionado río, un hábitat característico desta especie. As saramagantas adultas pasan grande parte da súa vida en terra e poden afastarse dos regatos onde viven permanentemente cando se encontran en estado larvario, pero a condición de que a cobertura vexetal proporcione un grao elevado de humidade. Caracterízanse pola súa forma esvelta e a lonxitude da súa cola, que pode chegar a medir o dobre que o corpo. En total ten unha lonxitude media de en torno a doce centímetros.

O biólogo Martiño Cabana sinala que a saramaganta está relativamente estendida polo territorio galego -en zonas aptas para este especie e ambientalmente ben conservadas- , pero vela é moi pouco común debido ao seu pequeno tamaño e aos seus hábitos nocturnos. As larvas, engade, son particularmente sensibles á contaminación das augas, mentres que para os adultos a ameaza principal son os atropelos e a destrución das charcas e outras pequenas zonas húmidas, como sucede tamén con outros anfibios. Nos últimos anos, agrega o biólogo, as súas poboacións galegas están diminuíndo.

Un territorio onde aínda abundan os anfibios, a pesar do seu retroceso xeneralizado

A saragamanta non é o único anfibio de singular valor ambiental que forma parte da fauna do sur lucense. Neste territorio tamén está presente o sapo de esporóns (Pelobates cultripes, sapo de espuelas en castelán), unha especie en perigo de extinción da que se coñece unha pequena colonia nos arredores da área urbana de Monforte.

Segundo explica Martiño Cabana, as terras baixas do sur da provincia posúen unhas importantes poboacións de anfibios -ras, sapos, salamandras e tritóns-, que son moito máis raros nas zonas calizas da Serra do Courel, a pesar da elevada riqueza medioambiental destas áreas. «Isto débese a que nas terras calizas a drenaxe das augas é máis intensa e por iso é máis difícil que se formen charcas permanentes, que son moi importantes para a supervivencia destas especies», sinala.

Poboacións en declive

En todo caso, apunta por outra parte o biólogo, os anfibios están sufrindo un declive xeneralizado tanto neste territorio como no resto de Galicia a causa da presión do tráfico rodado, da alteración dos hábitats e da desaparición de moitas pequenas áreas húmidas, como as charcas de rega. «Por iso é importante manter en bon estado os lugares onde se conservan especies sensibles como a saramaganta e o sapo de esporóns», conclúe.