Os ornitólogos rastrearán este mes as aguias peixeiras nos encoros do sur lucense

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

jose manuel sayago robles

06 ene 2018 . Actualizado a las 20:31 h.

Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) levará a cabo o día 14 unha xornada de censo de águias peixeiras, unha especie migratoria que só está presente en Galicia durante a temporada invernal. Entre os lugares onde está previsto levar a cabo as observacións figuran os encoros de Belesar e Os Peares -no curso do Miño-, Santo Estevo e San Martiño, no Sil. No primeiro destes encoros foi avistado un exemplar desta especie noutro censo realizado o ano pasado.

O censo será realizado por membros da SGO, pero as persoas que o desexen tamén poden colaborar na iniciativa realizando observacións nos lugares indicados por esta asociación ou noutras zonas onde poida estar presente a especie. Os colaboradores que consigan localizar aguias peixeiras nestas datas poden comunicar o avistamento ao correo electrónico sgosgo@sgosgo.org ou ben cubrir unhas fichas que están dispoñibles na páxina web da SGO, no enderezo sgosgo.org.

Procedencia nórdica

A aguia peixeira (Pandion haliaetus) conta con importantes poboacións no norte de Europa, principalmente na península escandinava, Escocia e Rusia. No territorio español só ten presenza permanente -con parellas nidificantes e reprodutoras- nas illas Baleares, Canarias e Chafarinas. Ata hai arredor dun século tamén nidificaba nalgunhas áreas litorais da península Ibérica, pero na actualidade só é unha especie invernante. En Galicia aparece sobre todo na costa, aínda que tamén é posible vela pescando nos encoros do interior. Os biólogos pensan que todos estes exemplares migrantes proceden dos países da Europa nórdica.

Na provincia de Lugo, o día 14 tamén se prevé realizar observacións destas aves nas rías de Foz e do Eo. Outros lugares onde os ornitólogos rastrearán a súa presenza son as rías e encoros das provincias da Coruña e Pontevedra e lugares como a lagoa da Frouxeira e o lago artificial das Pontes.