A Ribeira Sacra contará con 50 bens culturais protexidos

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Carlos Rueda

Numerosos elementos uniranse á lista de BIC do territorio

30 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un total de cincuenta elementos foron catalogados na resolución da Consellería de Cultura -publicada onte no Diario Oficial de Galicia- pola que se inicia o expediente para declarar a Ribeira Sacra como ben de interese cultural. O prazo máximo marcado para resolver o expediente é de 24 meses, aínda que os responsables do Goberno galego manifestaron no seu momento a súa intención de completar o proceso ao longo do ano próximo.

Entre estes bens, dez xa contaban anteriormente con esa categoría, pero foron incorporados á declaración «pola súa especial relación coa paisaxe cultural da Ribeira Sacra e porque gardan unha identidade en certos aspectos que é conveniente sinalar», apunta desde a consellería. Por este motivo non variará o seu réxime actual de protección.

A lista inclúe outra decena de elementos que xa contaban coa categoría oficial de monumento, pero que ata agora carecían dunha contorna de protección trazada de forma específica. Nestes casos farase unha delimitación baseada nas figuras de protección xa vixentes noutros lugares.

A resolución de Cultura menciona así mesmo dezaoito elementos inmobles que ata agora non tiñan ningunha figura legal de protección, repartidos entre nove concellos da provincia de Lugo e tres de Ourense. Entre eles encóntrase o túnel mineiro romano de Montefurado, para o que o Concello de Quiroga xa solicitara en reiteradas ocasións a declaración de BIC.

Edificios deteriorados

Dous destes elementos, por outra parte, son edificios históricos que se encontran actualmente en moi mal estado de conservación: os mosteiros de San Salvador de Asma -en Chantada, xunto á igrexa do mesmo nome- e San Paio da Abeleda, en Castro Caldelas. Esta última construción figura na coñecida «lista vermella» do patrimonio en perigo da asociación Hispania Nostra.

A relación elaborada pola consellería de Cultura comprende ademais dous elementos de patrimonio moble que se encontran hoxe fóra do territorio da Ribeira Sacra. Un deles é o crismón de Quiroga, depositado no museo catedralicio de Lugo, e o outro, un pé de altar coa inscrición fundacional do mosteiro de San Pedro de Rocas, gardado no museo arqueolóxico de Ourense.

A proposta de declaración da Xunta incúe por outra parte oito manifestacións de cultura inmaterial. Tres delas figuran nun apartado definido como «Festas de fachas e fachóns da Ribeira Sacra». Outras tres consisten en carnavais rurais de carácter tradicional e de especial valor etnográfico. A lista complétase coas tradicións alfareiras dos municipios de Sober e Xunqueira de Espadanedo.

 

Tres meses para consultas e alegacións

En todas os elementos do patrionio cultural que se pretende declarar como BIC e que non contaban ata agora con esta categoría comezará a aplicarse de inmediato un réxime de protección establecido na Lei do Patrimonio Cultural que a Xunta aprobou o ano pasado. Este réxime, segundo precisa a resolución de Cultura, «será de aplicación provisional ata o momento da súa resolución definitiva ou a caducidade do expediente». En canto aos elementos que xa tiñan a categoría de monumento pero que carecían de área de protección, «será de aplicación o réxime provisional e a consecuente suspensión de licenzas».

Para o conxunto do territorio da paisaxe cultural definida como BIC, por outra parte, os criterios que se utilizarán para determinar cales intervencións deben someterse a trámites legales de autorización -engade a consellería- «serán equivalentes ás dos contornos dos monumentos, entendendo a compoñente territorial que esta figura de protección implica». O territorio que está previsto cualificar como paisaxe cultural ten unha superficie total de 17.973 hectáras, das que 1.526 se consideran como «exoámbitos». Estas zonas quedan fóra do ámbito xeral da área considerada como BIC, pero tamén serán obxecto de medidas de protección polos seus valores culturais e paisaxísticos. Os núcleos de poboación comprendidos na paisaxe cultural son 167.

Unha vez publicada a resolución, ábrese un prazo de exposición pública de tres meses, durante o cal todas as persoas interesadas poderán examinar o expediente e presentar as alegacións que crean convenientes. As consultas sobre as areas afectadas en cada municipio poderán realizarse nas oficinas dos respectivos concellos. O expediente tamén poderá ser consultado na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural -na sede da Consellería de Cultura, en Santiago- ou ben nas xefaturas territoriais deste departamento en Lugo e Ourense. Para realizar este tipo de consultas é necesario solicitar unha cita previa. Na páxina web da consellería, así mesmo, poderá examinarse un conxunto de planos no que se detallan as áreas afectadas polas medidas de protección.