Morre Tanán, o acordeonista do Arroxó


monforte / la voz

Onte foi soterrado en Sober Antonio Pérez Fernández, que morreu esta semana aos 74 anos na súa casa da aldea do Arroxó. Coñecido como Tanán por amigos e veciños, a súa era unha presenza moi habitual en Sober e noutros puntos da comarca, porque lle gustaba tocar o acordeón en calquera ocasión que o merecese.

Antonio Pérez Fernández non tiña estudos de solfeo nin de ningún instrumento, pero aprendera a manexarse co acordeón de xeito autodidacta e gustáballe considerarse a si mesmo como un músico. Non era raro oírlle dicir «nós, os músicos...» cando conversaba con colegas de afección como Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober e profesor de clarinete.

«Coa súa morte deixa un oco importante», conta o propio Guitián. Deixa un baleiro entre os seus familiares e amigos, pero tamén entre os que o coñecían menos, porque a pesar de que vivía só era unha persoa moi activa que se deixaba ver case a diario en Sober e, con algo menos frecuencia, tamén en Monforte. Ao Tanán era doado velo tocando o acordeón no magosto, no entroido e en praticamente calquera reunión social que se celebrase en Sober e na que houbuse festa. En ocasións, subía ao palco da orquestra e interpretaba as cancións que máis lle gustaban, sobre todo pasodobres e clásicos populares de Manolo Escobar.

Destilador ambulante

Antonio Pérez Fernández traballou un tempo como axudente do seu irmán Manuel, destilador ambulante de augardente. Desde a morte dos seus pais, viviron os dous xuntos da súa casa familia do Arroxó, na parroquia de Santo Estevo de Anllo. Hai algo máis de vinte anos, Manuel casou e mudouse a Pontevedra, e desde aquela Antonio vivía só.

O seu funeral celebrouse onte á tarde. O corpo foi trasladado ás seis dende o tanatorio da funeraria Rivas, en Sober, ata a igrexa parroquial de Santo Estevo de Anllo. O seu irmán, os seus sobriños e o resto dos familiares que asistiron estiveron acompañados por numerosos veciños, entre eles non poucos músicos. Uns con formación académica e outros non, pero todos músicos, como o Tanán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Morre Tanán, o acordeonista do Arroxó