O Sorriso de Daniel publica por sexta vez un calendario do románico da Ribeira Sacra

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

As imaxes son autoría de Soledad Felloza

27 dic 2017 . Actualizado a las 17:30 h.

A asociación cultural O Sorriso de Daniel acaba de editar e de pór á venda un calendario para o 2018 ilustrado con imaxes dos monumentos románicos da Ribeira Sacra. É a sexta vez desde o 2013 que este colectivo publica un almanaque dedicado a este patrimonio. Como en todas as ocasións anteriores, as imaxes deste novo calendario foron realizadas pola fotográfa Soledad Felloza.

As igrexas que aparecen nas fotografías incluídas nesta última publicación están situadas nos municipios de Monforte - San Pedro de Valverde, Santa María de Baamorto e San Pedro de Ribas Altas-, Sober -Santa María de Proendos, San Pedro de Canaval, San Vicente de Pinol, San Xillao de Lobios, Santa María de Amandi e Santo Estevo de Anllo-, Ribas de Sil -San Clodio e Torbeo-, e Quiroga, onde foi escollido o templo de Santa Baia de Bendollo.

Os responsables da asociación sinalan que este será o último calendario que dedican ao románico da Ribeira Sacra. Nun texto introdutorio que abre a publicación sinalan que a súa intención ao longo destes anos foi axudar a divulgar este patrimonio e sobre todo «lanzar un berro pedindo a declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade».

Na imaxe sobre estas liñas, a portada do novo calendario, cunha fotografía dunha escultura da igrexa monfortina de Baamorto.