O Apalpador aparecerá na súa «Laponia», a Devesa da Rogueira

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

GUILLERMO DÍAZ AIRA

O día 30, o popular personaxe visitará por primeira vez O Courel, onde se conservaron as lendas das que é protagonista

31 dic 2020 . Actualizado a las 13:27 h.

O penúltimo día do ano ofrecerase unha ocasión moi pouco común para coñecer no seu lugar de orixe ao popular personaxe de Nadal do folclore da Serra do Courel. En torno ás cinco da tarde poderase ver como o Apalpador sae do bosque da Devesa da Rogueira para participar nun festexo na localidade de Moreda, onde haberá tamén un espectáculo de maxia. A celebración será organizada polo Concello de Folgoso do Courel en colaboración coa asociación cultural Fonte do Milagro e estará aberta a todas as persoas que desexen asistir.

Mari Carmen Vergara, tenente de alcalde e concelleira de Cultura, sinala que a idea de celebrar este festexo débese aos comentarios dalgúns veciños do municipio. «Moita xente dicía que nos últimos anos o Apalpador está visitando moitos outros lugares de Galicia pero que nunca vén ao Courel, que é precisamente de onde saíu», explica. Os organizadores decidiron que o lugar máis adecuado para a cita sería o inicio do camiño de acceso á Devesa da Rogueira, que para o Apalpador é algo parecido ao que é Laponia para Papá Noel: a morada mítica onde vive durante todo o ano e que abandona temporalmente para levar agasallos aos nenos nos primeiros días do inverno. No caso do Apalpador, o presente é moi sinxelo e consiste en presadas de castañas quentes que deixa nas casas na noite do 31 de decembro.

Ata hai algúns anos, as tradicións que falan deste personaxe estaban case totalmente esquecidas. O Apalpador comezou a popularizarse a partir do 2008, cando a asociación compostelá A Gentalha do Pichel editou un folleto divulgativo cun debuxo do personaxe realizado polo artista Leandro Lamas. Ao ano seguinte publicouse o conto infantil O Apalpador, escrito e ilustrado por Xoán González Otero, antigo infógrafo de La Voz de Galicia. Posteriormente aparecerían outras dúas obras deste autor que se inspiran no mesmo personaxe: O Apalpador e a castaña máxica e O Apalpador e o arco da vella.