Os colexios da Pobra e Sober terán emisoras de radio propias

C.C. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

28 nov 2017 . Actualizado a las 13:08 h.

Os colexios da Pobra do Brollón e Sober porán en marcha emisoras de radio nas súas bibliotecas, despois de seren seleccionados pola Consellería de Educación dentro dun proxecto que pretende «promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo da comunidade educativa» e educar aos alumnos na comprensión dos medios de comunicación e a linguaxe audiovisual. Na consellería pensan que para avzanr por ese camiño a posta en marcha nos centros educativos de iniciativas relacionadas coa radio é «unha boa ferramenta para xerar dinámicas de comunicación, de apoio aos proxectos do centro ou dos traballos elaborados polos alumnos».

O programa no que participarán estes dous colexios leva por nome Radio na Biblio e estaba aberto a centros educativos de toda Galicia, os da Pobra e Sober son os únicos seleccionados na provincia de Lugo. Para elixilos, Educación tivo en conta a valoración acadada pola memoria destas dúas bibliotecas correspondente ao curso pasado e tamén a súa localización xeográfica, porque tiñan prioridade os que se encontran nun entorno rural.

Os programas que elaboran os alumnos e profesores que participen nesta iniciativa na Pobra e en Sober poderán ser difundidos a través dos espazos web da Consellería de Educación.