Norton Luís fai o Camiño de Santiago como lle peta

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Un peregrino de Brasil e o seu can pasan por Ourense e Chantada, pero esta vez non van a Compostela

23 nov 2017 . Actualizado a las 18:49 h.

Norton Luís Paulo Alburquerque, Norton como o antivirus, bromea ao lle preguntar o nome, camiña dende hai cinco anos coa compaña de Gustavo, un can cruce de labrador e probablemente pastor alemán. Está facendo o Camiño de Santiago, pero non está moi claro cal das rutas oficiais, nin tampouco en que dirección. Vexamos.

Naceu e viviu até os 24 anos en São Francisco do Sul, no estado de Santa Catarina. Como el afirma, a segunda cidade máis vella do Brasil. Logo viaxou a Europa e recorreu varios países. Ten 51 anos e deféndese ben en inglés, francés, castelán, italiano e por suposto portugués. Norton Luís e Gustavo chegaban onte ás cinco da tarde a Chantada dende Ourense a pé pola estrada N-540. Ten que ser sempre a pé, porque os conductores non paran a ninguén con can. Antes de Chantada collen a saída á altura do Outeiro do Convento cara a vila e andan así un tramo do Camiño de Inverno.

Todos os conductores e paseantes que o cruzan non dubidan que se trata dun dos xa numeroso pelegríns do camiño que empeza en Ponferrada e pasa pola vila o Asma, mais non é así. Ou non de todo, xa que pelegrín si que é, o que pasa é que desta vez Compostela non é o seu obxectivo.

Porto, Santiago e Sevilla

Pregunta cantos quilómetros hai para chegar ao Alto do Hospital, temeroso da distancia e das previsións do tempo. Quere coller o Camiño Francés pero para facelo ao revés, quen sabe por que e a quen lle importa. Norton pode escoller. No 2011 saíu do Porto a Santiago, e dalí pola clásica Ruta Xacobea ata Francia onde parou durante un tempo a súa aventura; no 2014 voltou a Santiago, pero fixo a andaina dende Sevilla pola Ruta da Prata para regresar outra vez a Francia polo Camiño Francés ao revés.

En terras galas coñeceu no 2015 a xente coa que se animou voltar a Compostela. E esta vez si, fíxoo no mesmo sentido da masa de pelegríns da ruta xacobea polo Camiño Francés. O 31 de xuño de 2017, Norton Luis e Gustavo saen de Donibane Garazi (Saint Jean de Pied de Port) camiño de Fisterra por Compostela.

Pensaban que xa acabaran as aventuras? Pois para nada. Non está moi claro o motivo pero Norton Luis decide ir a Ourense onde pensa quedar e atopar un traballo. Pero non lle foi fácil, así que antes de quedar sen facer nada decide seguir camiñando. Así foi como chegaron Norton Luis e Gustavo a Chantada una escura e ventosa tarde de novembro. Mais estes dous personaxes non puideron ver as farolas da vila acesas, porque alguén ao que non lle importaba meter un can no coche -ou que lle daba máis importancia a aforrarlle a alguén unha molladura no arcén dunha estrada perigosa-, convidou a Norton Luís e a Gustavo a viaxar sentados e ao quente ata o Alto do Hospital. Bom caminho, good way, bon chemin, buen camino, buon modo.