A Casa do Carteiro, como cando era nova

La Voz

LEMOS

CEDIDA

Remata en Montefurado a primeira restauración pagada con cartos públicos de fachadas decoradas con esgrafiados

14 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A coñecida como Casa do Carteiro é unha das vivendas máis antigas e tamén recoñecibles de Montefurado. Está na localidade que dá nome a esta parroquia de Quiroga e conserva elementos construtivos característicos da arquitectura tradicional desta zona, anclada á ribeira do Sil pero a un paso das montañas do Courel. Un deses elementos é a decoración da súa fachada con esgrafiados. Hoxe locen completamente renovados, despois de vinte días de restauración. A Casa do Carteiro é a primeira da Ribeira Sacra unha recuperación de esgrafiados pagada por cartos públicos.

Esta reconstrucción é a primeira que se leva a cabo dentro do programa promovido polo consorcio de turismo da Ribeira Sacra e patrocinado pola Axencia de Turismo de Galicia con obxetivo de investigar e recuperar esta técnica decorativa moi presente nesta área xeográfica, pero apenas coñecida no resto do territorio galego. O plan, que supón un investimento total de 42.000 euros, opta aos aos premios Galicia Parabéns, ideados para recoñecer as mellores iniciativas públicas para preservar a paisaxe. As primeiras actuacións aprobadas son esta restauración en Montefurado e outra no municipio de Taboada. Na outra beira do Sil, nos concellos ourensáns de Castro Caldelas e Parada serán realizados dous murais modernos inspirados nesta técnica decorativa.

A Casa do Carteiro foi elixida, según explican no consorcio, porque se trata dunha construción centenaria que, a pesar de que non está actualmente habitada si se encontra nun bo estado xeral de conservación. Dúas das súas fachadas estaban cubertas con estes debuxos de cal, feitos sobre revocos de barro que cobren pedra de xisto. Unha delas presenta deseños lenticulares e na outra os debuxos imitan perpiaños e inclúen unha faixa con máis debuxos debaixo do abeiro.

O que se pode ver

Esta primeira intervención rematada do programa de recuperación de esgrafiados da Ribeira Sacra empezou o pasado mes de outubro e o seu responsable técnico foi Carolina Sánchez. Quen queira comprobar de primeira man o resultado desta restauración pode aproveitar tamén para visitar a igrexa parroquial, un edificio con elementos de barroco rural con influencias foráneas. Ademais, Montefurado é lugar de paso do Camiño de Inverno a Santiago e está a uns poucos centros de metros co túnel excavado na época romana para extraer o ouro do Sil.