Gobernantes bateadores fronte aos incendios

Severino Rodríguez TRIBUNA

LEMOS

12 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante os doce anos en que fun alcalde de Monforte sempre tiven presente que cada vez que se producía un problema tiña que asumir que a responsabilidade era miña, como máximo responsable do concello. Teño dito en reiteradas ocasións que todo o que pasaba en Monforte, dunha ou doutra forma, era responsabilidade do alcalde, mesmo cuestións non puramente políticas, senón tamén de carácter humano ou persoal. Para unha mellor comprensión do que quero dicir, porei un exemplo. Se se producían chuvias excepcionais e se inundaba algún lugar, cos consecuentes derramos e incomodidades, e o correspondente prexuízo á xente, eu tiña a convicción de que, aínda que non era culpable, si era responsable do que estaba pasando e, sobre todo, da súa solución. É a forma como entendemos sempre a nosa condición de responsables, no equipo de goberno que encabezaba.

Ante os graves incendios que asolaron o noso país este mes de outubro, en cambio, vin outra forma de entender a responsabilidade, a que podemos chamar do «gobernante bateador», que cada vez que ve un problema dálle co bate para despexar a bóla. Aquel que no seu momento saíu a manifestarse para esixir responsabilidades a outros dirixentes, polo mesmo asunto dos incendios, agora bótase fóra, como se fose un veciño máis vítima do lume, e fala dunha trama que até o fiscal de medio ambiente desminte. O principal responsable da política forestal, do servizo de prevención (case inexistente) e de extinción non sinte que nin el nin o seu goberno teñan responsabilidade ningunha. Para isto inventa un argumentario sinxelo que repite como un autómata, aínda que non teña proba ningunha, é unha trama incendiaria, terrorismo incendiario. É un crime que merece un castigo. Crime-castigo. Punto final. Hai uns criminais, que ninguén sabe onde están nin quen son. Aos criminais hai que castigalos (se os encontra, iso entendémolo e querémolo todos). E xa está. Culpa e responsabilidade despachada. Esa é a maneira de non asumir ningunha responsabilidade e de batear a culpa cara os demais, e quen critique a política forestal, as eivas do sistema de prevención e extinción de incendios, a precariedade laboral das persoas que se encargan deste duro cometido é cómplice dos criminais. Se discrepas ti tamén es un cómplice, así que a portarse ben, aplaudir o que di o xefe do partido e tragar.

E isto faino a mesma persoa que hai once anos, cando estaba na oposición, non deixou pasar un mes desde a vaga de lumes en Galicia para pedir dimisións. Dío aquel que tivo a desvergonza de afirmar algo tan perverso como que: con nós, nos incendios, non había mortes. Pois agora, por desgraza, xa hai mortes. E agora que? Pois agora nada porque manda el. Pero o máis lamentable desta situación non é que este gobernante minta de forma groseira e descarada, senón que, sorprendentemente, a mentira cola. E unha grande parte da sociedade trágaa e repítea como se fose certa. O triste deste asunto é que ao Goberno lle sae barato mentir e por iso nolo fai con tanta frecuencia. Eu fago miñas as palabras do presidente da Xunta, e creo que estou no meu dereito, ao igual que o está a cidadanía, a esixir detidos, imputados e encarcerados en quince días, como dicía el, e se non é quen de cumprir a súa propia esixencia dimita, por incapaz: incapaz de gobernar este país e incapaz de asumir a súa propia esixencia.

Mentres só queda lamentar o perdido, sobre todo ?e en primeiro lugar? as vidas humanas en Chandebrito e Abelenda das Penas, e o desastre ecolóxico: animais, flora, solo... e unha vez superado o dó pensar no futuro para que isto non volva acontecer. Propostas dos expertos non faltan: limpeza das faixas en torno a núcleos de vivendas e vías de comunicación, reforzamento das medidas de prevención, un corpo de bombeiros forestais ben dotados e con estabilidade no emprego, e novos usos para a terra... Mais, para iso, compren gobernantes responsables que queiran a terra que gobernan e que crean no noso rural como unha fonte de riqueza ecolóxica e económica. Precisamos gobernantes responsables, non gobernantes bateadores.