«Cando perdín a vista, pensei que debía buscar algo que facer»

Quintas mostrou en Sober a técnica que utiliza para compoñer cadros con fíos tecidos guiándose polo tacto


monforte / la voz

Natural de Allariz e veciña de Xunqueira de Ambía, Lorena Quintas Rejo impartiu onte na biblioteca pública de Sober un obradoiro no que mostrou a técnica que utiliza para elaborar cadros e figuras decorativas a base de fíos tecidos e servíndose do tacto. Hai catro anos perdeu a visión a causa dunha artrite reumatoide que tamén a obriga a moverse nunha cadeira de rodas. O pasado febreiro xa mostrara as súas obras -que comercializa coa marca Xogo de Fíos- na Casa da Xuventude de Chantada.

-¿Como aprendeu esta técnica?

-Foi nun curso de artesanía e manualidades da Once. Fun probando diversas técnicas e a profesora propúxome aprender esta, que me pareceu moi interesante. Tiven que praticar varios meses ata dominala. No verán do ano pasado decidín comezar a presentar os meus traballos en feiras de artesanía para ter algunha ocupación, porque nas miñas condicións non é fácil conseguir un emprego relacionado cos estudos de ciencias empresariais que cursei na Universidade de Vigo antes de quedar cega. Cando perdín a vista pensei que debía buscar algo que facer, unha ocupación que estivese ao meu alcance, e a artesanía pareceume unha boa opción.

-¿Como traza os deseños?

-Para facer os debuxos necesito axuda, porque eu non poido debuxar. Axúdame miña irmá e baseámonos en deseños que normalmente buscamos en Internet. Unha vez que o debuxo está trazado sobre un folio, hai que perfilalo cunhas pequenas cintas pegadas con cola. Esas cintas sírvenme de guía para bordar. Tamén necesito que me indiquen as cores que debo utilizar en cada unha das superficies que conforman o cadro. Por exemplo, á esquerda o azul e á dereita o verde. Polo tacto poido recoñecer ben os distintos tipos de fío, pero non poido distinguir as cores. Despois vou enchendo esas superficies, comezando polos bordes ata o chegar ao centro. Como antes tiña visión, tamén utilizo a memoria para compoñer as figuras e as escenas dos cadros.

-¿Que temáticas prefire para as sus composicións?

-Fago un pouco de todo. Hai debuxos de temás históricos, paisaxes, figuras de animais e plantas, escudos de equipos deportivos, logos de grupos musicais... Para as miñas exposicións utilizo sobre todo paisaxes e motivos propios de Galicia. Normalmente pido que me busquen debuxos que me poidan servir de base para a idea que teño na cabeza, como pode ser unha flor ou un moucho, e depois empeza o proceso.

-¿Canto tempo lle leva realizar unha destas obras?

-É un traballo moi laborioso e o tempo depende do tamaño e da complexidade do cadro. Os máis pequenos e sinxelos poden levarme en torno a dous días. Pero os cadros pequenos con moitos detalliños necesitan máis tempo. Os que son máis grandes poden requirir moitos días de traballo.

-¿Gustaríalle encontrar un traballo relacionado cos seus estudos de empresariais?

-Non o descarto e estou apuntada nas listas de búsqueda de emprego de Cogami, por se aparece algo relacionado con este campo. Pero é moi difícil porque necesitaría un posto moi adaptado ás miñas condicións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Cando perdín a vista, pensei que debía buscar algo que facer»