Unha vella mina de cobre esquecida na Devesa da Rogueira

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

GUILLERMO DÍAZ AIRA

Cerca do camiño que atravesa o célebre bosque do Courel hai vestixios dunha expotación abandonada

24 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No entorno inmediato do célebre bosque da Devesa da Rogueira encóntrase un testemuño singular da historia da minería da Serra do Courel que ata agora estaba praticamente esquecido, excepto para os veciños das poboacións máis próximas. É a vella mina de cobre de Veigadoso, que data de principios do século pasado. O lugar foi localizado recentemente por Guillermo Díaz Aira, coordinador do albergue de Quiroga, que pasa con frecuencia polas cercanías para levar grupos de visitantes a percorrer o bosque. A vella mina será incluída proximamente nas rutas turísticas que organiza este centro.

Segundo explica Díaz, «chámanlle a mina de Veigadoso, pero máis que unha mina é unha cata mineira que se realizou hai moitos anos para buscar un filón e que acabou sendo abandonado porque non o deberon considerar rendible». Consiste nunha cavidade aberta nunha parede rochosa xunto a unha pequena fervenza que na actualidade está totalmente seca. Debido a súa complicada situación -engade- é imposible obter fotografías da súa abertura a non ser que se utilice un dron. «Pero iso non quere dicir que o acceso sexa difícil, porque non presenta problemas se se trata de grupos reducidos de persoas e incluso é apto para rapaces», apunta Díaz por outro lado. O sendeiro que se abriu no seu día para chegar á explotación segue sendo praticable, sinala.

Catálogos oficiais

A pesar de que moi poucas personas coñecen a súa ubicación, a mina de Veigadoso figura nos catálogos do Instituto Geológico y Minero de España (Igme). «O que pasa é que está mal sinalada nese catálogo e se alguén se guía polas indicacións que dá o documento non a conseguirá encontrar», apunta Díaz, que a localizou coa axuda dun veciño de Moreda. O lugar áchase a uns douscentos metros de distancia do camiño principal que percorre a Devesa da Rogueira. O desvío que leva á mina está aproximadamente a un quilómetro e medio da aula da natureza de Moreda, onde comeza a ruta principal que atravesa o bosque.