O sobreiral do monte do Graúllo, un bosque oculto á beira do Miño

roi fernández / francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Carballedo conserva unha singular paraxe natural de difícil acceso, da que saíron grandes cantidades de cortiza

13 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Agochado no canón do río Fondós, entre o lugar de Albarín -en Veascós, no municipio de Carballedo- e a desembocadura deste curso de auga nos Peares esténdese o que pode ser un dos maiores sobreirais de toda a provincia. En todo caso, parece claro que este bosque é a maior masa de sobreiras da Ribeira Sacra do Miño. É moi probable que esta densidade vexetal se deba á influencia do Penedo do Castelo ou Graúllo, unha enorme formación rochosa que se ergue sobre o Fondós e o Miño na parroquia de San Pedro de Erbedeiro, pois a súa mole protexe do vento norte ese tramo do río. O penedo está formado basicamente de cuarcita ordovícica. Na outra beira do Miño -en Marce, no municipio de Pantón- hai unha formación rochosa moi similar a esta, coñecida como Castelo de San Martiño. En diferentes lugares é posible ver como as sobreiras parecen medrar directamente sobre o solo rochoso.

O bosque encóntrase no entorno das aldeas da Airoá, Erbedeiro, Adegas e Pardela, esta última pertencente á parroquia de Santo Estevo de Chouzán. É un espazo de difícil acceso, pero non de todo salvaxe. Tempo atrás, cando aínda fumegaban as chemineas de Erbedeiro -hoxe totalmente deshabitado-, o monte do Graúllo era utilizado a miúdo para o pastoreo. Os veciños tamén visitaban o bosque con frecuencia para recoller leña ou para arrancar a cortiza das sobreiras.

Tratantes portugueses

Este labor era realizado moitas veces por tratantes portugueses. A última ocasión que iso sucedeu, segundo recordan algúns veciños, foi en torno a 1990 ou 1991. Aquela cuadrilla traballou nas cercanías da aldea da Airoá e non se sabe por que razón alí quedou apilada e abandonada unha importante cantidade de corcho. Talvez porque os tratantes xa fixeran unha viaxe de carga a Portugal e non lles compensaba facer outra.

Mais as cortizas extraídas deste bosque non só se aproveitaban para a industria taponeira. Os apicultores locais utilizábanas tamén para fabricar as colmeas tradicionais, os típicos cortizos que poden verse tamén en moitos outros lugares. Os veciños, ademais, empregaban este material para fabricar frotadores para aparellos de pescar. Antes da construción do encoro dos Peares, este tramo do Miño era moi abundante en pesca.

Estas singulares paraxes son tamén escenario de lendas populares. Os veciños de Erbedeiro contaban que na cima do Penedo do Castelo había un tesouro oculto. Segundo a tradición, estaba dentro dunha formación rochosa máis ou menos cadrada que se encontra xunto a outra moi similar. O problema era que a outra pena estaba chea de algún material explosivo -ou de alcatrán- que ardería e rebentaría se alguén intentase picar a pedra. Non se podía saber cal desas penas contiña o tesouro e cal contiña o perigo, polo que ninguén se atreveu nunca a probar.

Antigos incendios

O lume real, non só o das lendas, tamén estivo presente neste monte. Os incendios teñen afectado ao bosque en varias ocasións, pero a vexetación resistiu os embates das chamas. Algunhas sobreiras que hoxe permanecen vivas mostrar rastros de incendios xa antigos.

O valor ambiental deste enclave débese á riqueza da súa vexetación, pero tamén a unha fauna abundante e variada. Abundan os réptiles e os pequenos mamíferos, e tamén as aves rapaces, que utilizan os penedos para vixiar, repousar e consumir as presas recén cazadas. Na cimas das rochas é frecuente ver osos de pequenos animais e tamén moitas egagrópilas, as bolas de materiais non dixeridos que regurxitan algunhas aves rapaces, especialmente as nocturnas.

O monte do Graúllo e o seu bosque de sobreiras, a pesar do seu interese, non é un lugar moi frecuentado polo turismo. O motivo é que o terreo é sumamente abrupto e en moitos lugares pode ser perigoso se non se pon suficiente atención. En tempos houbo ao pé do penedo un letreiro que indicaba a dirección dunha fervenza do río Fondós que se encontra monte arriba. O letreiro segue alí, pero agora está pintado de branco e xa non sinala ningún camiño. Probablemente porque non é recomendable enviar a xente que non está suficientemente avisada a un lugar onde o risco non é pequeno.