Como converter un castro esquecido nun recurso turístico emerxente

O proxecto arqueolóxico de Cereixa pretende servir de modelo de aproveitamento do patrimonio

.

monforte / la voz

O proxecto arqueolóxico iniciado o ano pasado do castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón, pretende ser un exemplo de como aproveitar o patrimonio cultural do sur lucense para convertelo nun recurso turístico. Durante os pasados meses de xuño e xullo, cerca de setecentas persoas visitaron as escavacións que se realizaron neste xacemento e contribuíron ao financiamento dos traballos. A fórmula que se ensaiou durante este período foi presentada en Monforte por Xurxo Ayán e Xosé Gago, director e codirector deste proxecto que promove a asociación veciñal da parroquia de Cereixa e que contou co apoio económico de Abanca.

Por unha parte, segundo explicou Gago, decidiuse ofrecer aos visitantes dous tipos diferentes de visita. Unha delas consistiu nun percorrido guiado polo xacemento -de luns a venres, cuns 45 minutos de duración- que permitiu ver directamente como traballaban os arqueólogos e como desenterraban estruturas construtivas e diferentes obxectos. As fins de semana, o itinerario comprendia ademais un paseo pola localidade de Cereixa no que se ofrecían explicacións sobre a historia e as tradicións locais. Un dos lugares visitados é unha antiga vivenda que segundo os veciños foi a casa de María Castaña, o célebre personaxe do século XIV que se considera nativo desta parroquia.

As visitas foron gratuítas, pero aos asistentes ofreceuselles a posibilidade de adquirir diversos recordos: camisetas con efixies de María Castaña, gorras, botellas de viño -embotelladas expresamente por unha adega da denominación Ribeira Sacra- e copas de barro cocido que representan o Santo Graal. Os visitantes tamén foron levados ao conxunto de antigas adegas de Vilachá de Salvadur ou -cando isto non era posible por falta de tempo- a unha adega particular de Cereixa. «Pareceunos máis axeitada esta fórmula que cobrar entradas pola visita -sinalou Gago- e obtivemos unha recadación media de cinco euros por persoa». Unha boa parte dos visitantes, por outro lado, foron peregrinos do Camino de Inverno, que pasa a un centenar de metros do recinto do castro.

En novembro comezará unha nova campaña de escavacións

O mes próximo comezará no castro unha nova campaña arqueolóxica no castro de Cereixa que será financiada cunha axuda económica concedida polo GDR Ribeira Sacra-O Courel. Segundo explicou Xurxo Ayán, nesta fase está previsto escavar no interior do edificio da antiga igrexa de San Lourenzo, cuxos restos xa foran postos ao descuberto en anteriores intervencións. Grazas ás prospeccións con xeorradar, sábese que por debaixo desta estructura hai varias tumbas de probable orixe medieval, como outras once que foron encontradas anteriormente nesta parte do antigo recinto castrexo. O arqueólogo sinala que é posible que -como ocorreu coas mencionadas tumbas-, estes enterramentos conteñan tamén restos humanos. Por outro lado, tamén se levará a cabo a consolidación dos vestixios do templo.

Outra parte da intervención centrarase nos restos dunha vivenda castrexa localizada noutro sector do recinto. Ayán sinalou que esta construción, de planta cadrada, presenta unha estrutura moi sinxela e que serviu probablemente para aloxar aos traballadores dunha explotación mineiro que -segundo todos os indicios- foi a razón de ser deste asentamento. O director do proxecto arqueolóxico resaltou por outro lado a escasez de obxectos de orixe romana deste xacemento. «Levamos rexistradas cerca de 4.000 pezas e as únicas que se poden considerar romanas son un anaco de cerámica e outro de vidro», precisou. Todo parece indicar, engadiu Ayán, que os habitantes deste antigo poboado eran exclusivamente indíxenas, a pesar de que a explotación mineira estivo vinculada sen dúbida ao poder romano.

Votación
7 votos
Comentarios

Como converter un castro esquecido nun recurso turístico emerxente