A Ribeira Sacra rescata os esgrafiados

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

MAR LÓPEZ SOTELO

A Xunta financiará un proxecto para restaurar e divulgar os deseños con cal

23 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O consorcio turístico da Ribeira Sacra aprobou a sinatura dun convenio coa Axencia Turismo de Galicia para a posta en marcha dun proxecto de recuperación e revalorización dos esgrafiados ou decoracións de fachadas con debuxos de cal, unha tradición artística típica deste territorio que ten moi pouca presenza no resto de Galicia. O plan suporá un investimento total de 42.000 euros, que será asumido pola mencionada axencia, e optará aos premios Galicia Parabéns, que teñen por obxectivo distinguir as mellores iniciativas públicas para preservar a paisaxe.

As primeiras actuacións incluídas no proxecto levaranse a cabo no último trimestre deste ano. Por un lado, restauraranse dous conxuntos de esgrafiados tradicionais situados en senllas construccións dos municipios de Quiroga e Taboada. Por outra parte, nos concellos ourensáns de Castro Caldelas e Parada de Sil realizaranse dous murais modernos inspirados nesta tradición decorativa. Cada unha destas actuacións, segundo se calcula, pode requirir uns vinte días.

Investigación e difusión

O proxecto comprende ademais un traballo de investigación, catalogación e divulgación sobre os esgrafiados da Ribeira Sacra que será encargado a un historiador especializado e que se difundirá a través de Internet. Así mesmo, organizaranse obradoiros didácticos e conferencias acerca desta tradición. Segundo explican desde o consorcio, por outro lado, a Axencia Turismo de Galicia pretende establecer para o ano próximo un segundo convenio coa intención de seguir promovendo actuacións deste tipo nos municipios da Ribeira Sacra.

Un legado singular ao que non se lle prestou moita atención ata tempos recentes

A falta de documentos históricos impide saber con certeza en que época se iniciou a tradición dos esgrafiados na Ribeira Sacra. Un estudo dirixido a principios dos anos 90 polo arquitecto Plácido Lizancos indica que data ao menos do século XVIII. O mesmo traballo sinala que este tipo de decoración está moi pouco estendido noutras áreas xeográficas. Entre as escasas excepcións están os municipios de Antas de Ulla, Monterroso e Guntín de Pallares.

A pesar da súa singularidade, os esgrafiados da Ribeira Sacra nunca foron obxecto de medidas de conservación ou restauración. En tempos recentes creceu o interese por este tipo de deseños. A investigadora Mar López Sotelo -residente en Pantón- divulga este patrimonio no blog Red Ribeira Sacra e preparou unha exposición fotográfica que puido verse no Museo Liste de Vigo desde o pasado maio ata o día 17 deste mes. Así mesmo, creou un mapa dixital -utilizando o servidor Google Maps- onde sinala a situación de todos os edificios con esgrafiados localizados por ela nos municipios lucenses e ourensáns. Este patrimonio tamén está a ser divulgado nun grupo de Facebook denominado «Decoracións en cal na arquitectura tradicional».

Xornadas divulgativas

Por outra parte, ata este este ano non se organizara no territorio da Ribeira Sacra ningunha actividade divulgativa relacionada cos esgrafiados tradicionais. O primeiro caso foi o das Xornadas da Rota do Románico de Pantón, que na súa última edición incluíron unha conferencia de Mar López Sotelo e un percorrido guiado polas parroquias de San Fiz de Cangas e Deade.