«A falla de veteranía compensámola co talento dos nosos futbolistas»

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

06 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Fran Regal estreará proxecto no Chantada Atlético. O preparador local asume dende o principio a dirección técnica dun club que rexuveneceu o seu plantel e que busca a medio prazo o regreso á Primeira Autonómica. O adestrador local destaca a calidade do equipo e a motivación que teñen os seus futbolistas.

-¿Que sensacións ten de cara ao inicio de campaña?

-As sensacións son moi boas. Os meus futbolistas fixeron unha gran pretemporada e amosaron unha capacidade de sacrificio descomunal. Chegamos nun bo intre ao comezo de liga, pero eu xa comentei que a preparación son os meses de agosto e setembro. No primeiro fixemos un gran traballo físico e agora toca definir a forma de xogar.

-¿Cal será o sinal de identidade deste equipo?

-Hai dous anos, o plantel era bastante veterano, pero nas dúas últimas campañas rexuvenecémolo. A maioría dos xogadores teñen entre 19 e 22 anos. Contamos con futbolistas novos e con moito talento, dous argumentos que compensarán a falla de veteranía. Quero un equipo rochoso e difícil, e que sexa alegre en ataque.

-¿Está completo o plantel?

-Agora mesmo contamos con dezasete fichas, pero co paso das semanas ampliaremos o plantel.

-¿Como ve esta Segunda Autonómica?

-Coido que estará na liña dos últimos anos. De todos os xeitos, teño que dicir que non me preocupan os rivais, porque o que trato de buscar é unha identidade de xogo para o meu equipo. Quero que todos os meus futbolistas se sintan participativos e estean contentos. Con isto e coa calidade e talento que teñen, o ascenso caerá polo seu propio peso.

-Iso quere dicir que o obxectivo do Chantada Atlético é o ascenso de categoría.

-Non, o que quero dicir é que coa calidade que ten o plantel, o ascenso virá máis cedo que tarde. De todos os xeitos, esta temporada trataremos de ir semana a semana. Disputaremos cada partido como se fose o último.

-E para comezar un derbi.

-Enfrontámonos ao Chantada B. Non deixan de ser tres puntos, pero é verdade que o aliciente para os futbolistas é maior pola rivalidade que existe entre ambos clubs.

-¿Onde estará a clave para lograr gañar?

-Entendo que gañará o equipo que sexa capaz de controlar as súas emocións. A mensaxe para os meus futbolistas é que non se deixen levar pola paixón.

-¿Que mensaxe lle traslada aos afeccionados?

-Que nos sigan apoiando e amosando o mesmo cariño das últimas temporadas.