«Comparto con Lois Pereiro a necesidade dunha ironía triste»

Eva Fernández / C.C. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

MARCOS MÍGUEZ

O autor coruñés Xian Lois Alcayde presentou onte a súa primeira obra na feira do libro de Monforte

27 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor coruñés Xian Lois Alcayde presentou onte na feira do libro de Monforte Camiños na Sombra, un conxunto de historias que fixeron que gañase hai pouco máis dun ano a primeira edición do concurso Balbino de relatos. De só vinte anos de idade, este mozo valora a súa visita a Monforte e reflexiona sobre a súa obra.

-¿Cal é o fío condutor dos relatos de «Camiños na Sombra»?

-Son quince relatos unidos por un mesmo elemento: o medio natural. Ou ben se utiliza como escusa para a trama ou ben a protagoniza. O obxectivo do concurso de relatos Balbino era dar a coñecer o rural, e a iso responde o meu libro.

-Se ben vostede vive na cidade da Coruña, parece que o seu libro encaixase máis nun lugar coma Monforte.

-Non necesariamente. A primeira vista é o que semella pero tamén pode conectar coa Coruña. Esta cidade está a vivir un maltrato moi acusado do rural que existe nas aforas da cidade. Pódese dicir que existe un rural que se está vendo engulido pola urbe. Tamén é certo que en Lemos poderían estar ambientados calquera dos relatos do libro, pero encaixarían perfectamente en calquera lugar de Galicia.

-¿Estivera algunha vez en Monforte?

-Viñen hai uns cinco anos para participar nun roteiro cultural que organizou o meu instituto, e no que se homenaxeou a figura de Lois Pereiro. Visitamos a cidade e, sen dúbida, o que máis me impresionou foi o conxunto formado polo edificio dos Escolapios e a explanada da Compañía. A inmensidade da praza, motivada en parte pola miña inocencia e curta idade, pareceume que formaba unha perspectiva verdadeiramente fermosa. A paisaxe da contorna, moi amarela, tamén me semellou impoñente.

-Retomando a Lois Pereiro, ¿que semellanzas atopa entre a visión deste poeta e a súa?

-A verdade é que estou máis familiarizado co seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro. Con todo, estou de acordo con Lois en canto á necesidade de chamar a atención sobre certas cousas cunha ironía triste, ou unha saudade boa. Asimesmo, na miña prosa tento que exista sempre unha mensaxe poética.

-¿Que supuxo para vostede o premio Balbino como escritor e a nivel persoal?

-Os premios son coma unha palmadiña nas costas. Están ben para saber que vas polo bo camiño. O verdadeiro logro vén coas oportunidades que che abre ese galardón. Grazas ao Balbino puiden facer unha rolda de presentacións en cidades como A Coruña ou Pontevedra. Aquí puiden contactar cos lectores e descubrir a súa opinión. É moi gratificante comprobar que desfrutan coa lectura de Camiños na Sombra ou, por que non, que teñen algunha que outra crítica.

-¿Que plans ten para o futuro?

-O próximo mes comezarei un novo curso dos meus estudos universitarios de xornalismo. O ano pasado estiven na Complutense de Madrid pero precisaba voltar a Galicia, precisaba estar na casa para escribir, así que os continuarei en Santiago. Por outra parte, estou recolectando unha serie de poemas para publicalos proximamente e veño de finalizar o manuscrito dun novo libro de relatos.