Memoria gráfica de Sernande, o paraíso perdido baixo o Miño

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Veciños desta aldea asolagada de Chantada conservan fotos dos tempos previos ao encoro

24 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Inundada polo encoro dos Peares a comezos dos anos cincuenta do século pasado, a aldea chantadina de Sernande xa queda só nas lembranzas de moi pouca xente, mais a recuperación das fotografías herdadas polos devanceiros dos que a habitaron levaránnos nunha viaxe no tempo ao lugar que para a memoria quedou co calificativo de paraíso.

Un personaxe clave, e autor da maioría das imaxes que aquí se amosan, foi Emilio Fernández García, fotógrafo de profesión e natural da mesma aldea de Sernande. Marchou á vila de Chantada e alí instalou o seu estudo. Eran tempos de emigración e o retrato era necesario para as cédulas e papeis de embarque. Este foi un importante incentivo para o seu negocio, mais non esqueceu as súas orixes e foi quen de plasmar no papel as xentes e o mesmo lugar que o viu nacer.

Cada vez son menos as persoas que lembran estar na aldea. «Era un chaval y no recuerdo quien había enfermado, y, según las costumbres de la época, para ayudar a curar a esa persona precisaban las hojas o las ramas de un granado. Se sabía que en Sernande había uno en la Casa do Barqueiro, y allá me fui en bicicleta a buscarlo. Lo traje, pero llegué agotado, eran muchos kilómetros para un día». Así o conta José Vázquez Yebra.

Inundación precoz

Franco inaugurou o encoro en 1955 mais a inundación chegou antes, lembra un veciño de Vilaquinte, en Carballedo. «No ano 1952 aínda non estaba cheo de todo, foramos á festa a Erbedeiro e xa estaba cubrindo as casas, aínda se meteu unha muller nunha casa e fundíuselle o piso para abaixo e mollouse».

Son catro as veces que se repite o topónimo Sernande en Galicia (tamén hai Sernande en Portugal), segundo o nomenclátor oficial. Unha das referencias é a deste lugar da parroquia de Santa María de Nogueira que quedou asolagado polo encoro dos Peares aló polo ano 1952, e a diferenza das demais aldeas inundadas por este encoro e o de Belesar que deixaron de existir nesta relación oficial, Sernande mantense no nomenclátor da Xunta. Veciños que non quixeron levar a súa vida a outros lugares e construíron algunha casa nas proximidades da estrada LU-P1801, que une Chantada e a vila dos tres ríos, a proximidade ao vello Sernande, a construción da nova capela do Espírito Santo e un letreiro indicador do vello nome da aldea chantado ao pé da estrada, son motivos para que se conserve o nome.

Situación privilexiada

Ademais de gozar dun clima máis benigno que noutras zonas da contorna sexa montaña ou ribeira, Sernande tiña unha pendente menos eirada ao pé do río que outras aldeas miñotas. É frecuente escoitar a quen aínda lembra vivir alí que dalgúns cultivos se recollían dúas colleitas no ano. Loubaba no ano 1948 o que fora notario de Chantada e tamén escritor, Luis Moure Mariño, excelencias agrarias como os limoeiros, laranxeiras, liño e azafrán, e tamén teimaba na premura das colleitas en comparanza con outras aldeas: «Me contó un aldeano que uno de estos años últimos, un vecino suyo obtuvo en el mercado siete mil pesetas en la venta de cebollas».

Froita a pé

E de sona era o rianxo que chegaba ao mercado de Chantada, trasladado case sempre a pé polo vello camiño que viña por Nogueira, Pincelo e a vella igrexa de Santiago da Riba, coas primeiras colleitas de froita, legumes e verduras. Foi a súa proximidade ao río o que lle deu sona ao lugar, abundaba a pesca, anguías, salmóns, lampreas, troitas, sábalos, bogas, «peixes», escalos e demais.

En Sernande, a máis achegada ao río, era, como non podía ser doutro xeito, a Casa do Barqueiro, propietaria da concesión do paso en barca que permitía cruzar o Miño dunha beira a outra nunha zona de auga mansa, e non é pouca a documentación que fala dela dende séculos atrás; así, na acta dun interrogatorio polo crime do Maqués de Valladares, asasinado polos seus criados na vila do Asma, lese: «...que habiendo seis leguas y media desde Chantada a Ourense, ya se fuera por Faluche o por la Barca de Sernande...». Esta barca tiña moita actividade, pero eran os días dezasete e vinte e nove de cada mes cando máis traballaba, pois era feira en Castro de Carballedo e día e noite pasaba as xentes e ao gando das terras de Lemos á beira de Chantada para subir ás chairas de Veascós cara a feira de Castro.