Chantada deixa de recoller os residuos impropios nos contedores

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Por Chantada critica a xestión do tratamento do lixo e pide que se remunicipalice

17 may 2017 . Actualizado a las 21:49 h.

O concelleiro de Medio Ambiente de Chantada, Castor Novoa, anunciou que o servizo municipal de limpeza non recollerá no sucesivo os residuos impropios depositados nos contedores. O goberno local decidiu tomar esta medida para atallar o incremento que se detectou no uso indebido destes recipientes, que son utilizados con certa frecuencia para depositar entullos de obra.

Segundo explica Novoa, nos últimos tempos rexistrábase habitualmente un 26% de residuos impropios depositados nos contedores de reciclaxe, pero esta porcentaxe aumentou ao 35% o ano pasado. «Antes tíñamos un nivel de reciclaxe que se podía considerar aceptable, pero agora hai unha tendencia cada vez maior a usar indebidamente os contedores e hai que impedir que isto siga medrando», sinala. «En febreiro notamos ademais que moitos residuos de podas van parar a estes recipientes, que non teñen esa función», engade.

A partir de agora, indica o concelleiro, cando aparezan entullos de obra, mobles vellos ou outros materiais indebidos nun contedor, deixaranse eses residuos sen recoller e o Concello intenterá averiguar quen os depositou para que se faga cargo deles. «Para os enseres domésticos, madeiras ou metais está o punto limpo e os entullos pódense depositar nunha canteira privada do municipio», sinala Novoa.

«Inacción e desidia»

Por outro lado, Por Chantada acusou ao goberno local de «inacción e desidia» na recollida de residuos e lamentou que o Concello declinase participar no estudo sobre os servizos de limpeza que realizou a Deputación por considerar que «repercutiría en recomendacións e medidas» para aforrar custes e mellorar a xestión. Os representantes deste grupo din que o municipio padece numerosas deficiencias neste terreo, como «vertedoiros incontrolados en todas as parroquias, taxas de recollida selectiva ínfimas, problemas de recollida no lixo no rural, incumprimento da normativa do punto limpo e ausencia de planificación».

Así mesmo, Por Chantada considera que «non é de recibo que se culpabilice a veciñanza, que demostrou con iniciativas cidadás de recollida voluntaria e limpeza de montes sensilidade e iniciativa, mentres se obvian as serias deficiencias no servizo e as responsablidades de goberno». A xuízo deste grupo, o goberno municipal optou por «un modelo privatizado» dos servizos de limpeza que resulta «máis caro e deficiente que o desenvolvido noutros concellos con xestión pública».

Por outro lado, Por Chantada propón que o Concello inste á Deputación á pór en marcha un programa análogo ao do organismo provincial de Pontevedra para desenvolver proxectos locais e comarcais de compostaxe e que promova a creación dunha mancomunidade que reúna aos municipios de Carballedo, Taboada, O Saviñao, Pantón, Portomarín, Rodeiro e San Cristovo de Cea para xestionar conxuntamente estes servizos. Ademais, pide que se solicite información á mancomunidade do Barbanza sobre o seu modelo de xestión dos residuos e que se elabore un informe sobre «o procedemento e custo da remunicipalización do servizo do lixo e dos prazos idóneos para facelo en virtude dos contratos vixentes».