As Xornadas da Ruta do Románico resaltan o valor dos esgrafiados

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

Unha conferencia e unha visita guiada por edificios de Pantón decorados con cal formarán parte do programa

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As Xornadas da Rota do Románico de Pantón, que chegan este ano á súa trixésima edición, estarán dedicadas en parte a divulgar un aspecto pouco coñecida do patrimonio cultural da Ribeira Sacra, os esgrafiados ou decoracións artísticas con cal que se conservan en numerosas construcións das comarcas de Lemos e Chantada. O programa de actividades comprenderá unha conferencia -o 16 de xuño, ás 20 horas- a cargo de Mar López Sotelo, educadora social e investigadora que leva anos realizando unha catalogación dos deseños deste tipo que aínda se poden encontrar nos municipios do sur lucense e do norte ourensán.

Ao día seguinte, por outro lado, haberá un percorrido guiado para visitar edificios decorados con cal nas parroquias de Deade e San Fiz de Cangas. Os participantes reuniranse ás 9.30 horas na praza do Concello de Ferreira.

O programa destas xornadas culturais incluirá ademais a presentación dunha nova edición da Reseña histórico-descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca, un libro publicado por primeira vez en 1929 polo párroco Ramón Castro López que constitúe todo un clásico da etnografía e da historia local das terras do sur lucense. Esta é a terceira vez que se imprime esta obra, que xa fora reeditada pola Deputación no ano 2000. Desde que apareceu a primeira edición ata esta última data, o libro circulou abundamente en forma de fotocopias, xa que era praticamente imposible encontrar exemplares orixinais. O singular traballo de Ramón Castro López foi o primeiro que recolleu por escrito a coñecida lenda dos xacios, seres mitolóxicos que segundo a tradición vivían nas augas do Miño, e chamou a atención do escritor Fermín Bouza Brey e moitos outros especialistas en etnografía galega. O acto de presentación celebrarase o 18 de agosto ás 20 horas.

Tradición de termalismo

Por outra parte, o 26 deste mes -ás 20 horas-celebrarase unha xornada sobre a historia do termalismo local que se dedicará á memoria do médico e profesor universitario ourensán Luis Rodríguez Míguez -falecido o ano pasado-, que se distinguiu como investigador e promotor da balneoterapia en Galicia. Neste acto participarán os médicos José Manuel Ledo López, Roberto Vila Rodríguez e Manuel Noya García.

Asimesmo, as xornadas incluirán unha conferencia sobre os apelidos típicos de Pantón a cargo da filóloga Ana Isabel Boullón, profesora da Universidade de Santiago e investigadora do departamento de onomástica do Instituto da Lingua Galega. O ano pasado, Boullón deu unha charla en Monforte acerca dos apelidos propios deste municipio.

Este acto terá lugar o 9 de xuño a partir das oito da tarde. Como todas as demais conferencias programadas para as Xornadas da Ruta do Románico, ofrecerase no salón de actos da casa consistorial de Ferreira.

Cantigas medievais na igrexa das Bernardas, música de cámara e un concerto de rock

Ao igual que nos últimos cinco anos, as Xornadas da Ruta do Románico de Pantón comprenderán un concerto de música antiga na igrexa románica do mosteiro das Bernardas de Ferreira. A actuación será o 4 de xuño ás sete da tarde e correrá a cargo do grupo Meendinho, integrado pola musicóloga e cantante Paulina Ceremuzynska e os instrumentistas Carlos Castro e Fernando Reyes. Esta formación está especializada na recreación e interpretación de cantigas medievais galaicoportuguesas.

Outra actuación musical prevista no programa será protagonizado polo grupo de cámara do conservatorio municipal monfortino Mestre Ibáñez e ofrecerase na casa consistorial despois da mesa redonda sobre o termalismo prevista para o 26 deste mes.

A programación musical das xornadas complementarse cun concerto do grupo de rock monfortino The Poet’s Silence que será ofrecido o 11 de agosto na praza do Concello, a partir das once da noite.

Mostra de carteis

Por outra parte, a partir de mañá poderá verse no edificio sociocultural de Ferreira unha exposición dos carteis anunciadores destas xornadas durante as súas tres décadas de existencia. Estará aberta este mes e o próximo.