«Para o ano que vén gustaríame tomar parte no campionato mundial»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

JOSÉ M. MARTÍN

A atleta paralímpica do Saviñao logrou o terceiro posto no torneo de España por autonomías formando parte dun equipo de catro deportistas galegos

22 mar 2017 . Actualizado a las 22:40 h.

A pasada fin de semana, Nuria López Fernández -natural do Saviñao e residente en Madrid, onde traballa para a compañía Airbus- conseguiu un novo triunfo no terreo do atletismo para persoas con discapacidade física. Integrada nun equipo con outros tres deportistas galegos das provincias da Coruña e Pontevedra, clasificouse no terceiro posto do campionato de España por autonomías. O ano pasado ocupou o primeiro posto na carreira Liberty e na fase española da competición Life World Run correndo nunha carreira de rodas.

-¿Que supón este resultado para vostede?

-Quedei contentísima porque este inverno pasei por unha temporada moi mala. Tiven varias avarías na miña cadeira de atletismo e estiven moito tempo sen poder adestrar. Estaba moi frustrada, pero este resultado animoume moito. Foi a miña primeira carreira en cadeira de atletismo e chegar a esa posición foi moi estimulante.

-Tras os triunfos do ano pasado queixábase do que lle custaba conseguir equipamento. ¿Mellorou a situación nese sentido?

-O que quería conseguir era unha cadeira de atletismo e unha handbike ou bicicleta de paraciclismo, que teñen un prezo moi elevado. Pero agora estou centrada no atletismo e deixei de lado a bicicleta. Xa teño unha cadeira de atletismo, que comprei de terceira man por mil euros, e xa gastei outros 2.000 en reparacións. E para aforrar, desmonteina e pinteina eu mesma.