Homenaxe a unha farmacéutica pioneira do Saviñao e Pantón

A nova edición do certame Mulleres de Lemos dedícase a Balbina López, que rexentou unha farmacia en Escairón


monforte / la voz

A primeira farmacéutica que tivo o municipio do Saviñao, Balbina López Somoza, é a protagonista da cuarta edición do certame Mulleres de Lemos, convocado pola asociación Lemos Le coa colaboración do centro municipal de información á muller de Monforte. O obxectivo deste concurso é recuperar e divulgar as figuras de mulleres relevantes da historia comarca.

Os personaxes aos que se lle dedican as diferentes edicións do certame son propostos cada ano por algunha das entidades que forman o colectivo Lemos Le. Nesta ocasión tocoulle á biblioteca pública do Saviñao, que elixiu a Balbina López Somoza.

A protagonista da nova edición do concurso naceu en 1910 nunha familia labrega do municipio de Pantón e fixo a carreira de farmacia na Universidade de Santiago, nunha época na que moi poucas mulleres cursaban estudos superiores. Segundo os datos biográficos reunidos pola biblioteca do Saviñao, Balbina López obtivo a licenciatura en 1935 e despois da Guerra Civil abriu en Ferreira de Pantón unha primeira farmacia que rexentou durante un par de anos. Despois trasladouse a Escairón e estableceu outra farmacia da que se ocuparía ata o seu falecemento en 1985. Abriu tamén un botiquín en Currelos para que os veciños da zona tivesen acceso aos medicamentos sen ter que desprazarse á capital do municipio. Ela mesma ocupábase de atender este local os días de feira.

«Inspector» municipal

Por outro lado, Balbina López cursou estudos de analítica para poder abrir un laboratorio na súa farmacia. En 1944 gañou unha oposición que lle permitiu obter o título de inspector farmacéutico municipal. Inspector con xénero masculino, o único recoñecido nesa época. Mentres desenvolvía os seus labores profesionais, criou ao seu fillo e ás dúas fillas dun matrimonio anterior do seu marido, con quen casou en 1937.

Na comarca de Lemos non vive na actualidade ningún descendente de Balbina López. «O seu fillo reside na Coruña e algún dos seus netos vive en Ourense», segundo explica Mónica Carballo, bibliotecaria do Saviñao. A farmacia que rexentou en Escairón durante moitos anos foi traspasada despois da súa morte e segue existindo hoxe en día.

Nos tempos en que Balbina López cursou a carreira de farmacia -apunta por outro lado Mónica Carballo- «non só eran rarísimas as mulleres que chegaban a entrar nas universidades, senón que o nivel educativo na comarca de Lemos era moi baixo e había moi pouca xente con estudos superiores». Como exemplo, o censo de 1930 indica que no Saviñao -entón con 10.771 veciños- só sabían ler e escribir 4.656 persoas, das que 1.754 eran mulleres. Outras 332 -das que 220 eran mulleres- só sabían ler. Tres décadas despois, en 1960, no municipio só había 21 homes con estudos universitarios -dun total de 4.300- e catro mulleres de entre 3.860.

Bandas deseñadas e traballos divulgativos

O certame Mulleres de Lemos divídese en dúas categorías. Unha delas é de banda deseñada e diríxese a participantes de 12 a 18 anos de idade. A outra é de traballos de divulgación -de calquera xénero literario- realizados por maiores de 18. En todos os casos os traballos deben estar redactados en galego e só se pode presentar un por persoa.

O prazo de presentación estará aberto ata o 31 de maio. Ata esa data, os traballos poderán ser entregados en calquera das bibliotecas municipais e escolares que están integradas no colectivo Lemos Le. Hai un premio único para cada categoría, que consiste nun lote de libros, un lote de produtos da Ribeira Sacra e unha peza conmemorativa de artesanía local. Os galardóns serán entregados nun acto público que se celebrará en torno ao 24 de outubro, Día Internacional das Bibliotecas.

 

bibliotecas escolares e municipais

O colectivo Lemos Le está integrado polas bibliotecas de cinco centros educativos monfortinos -A Gándara, Colexio Novo, Infanta Elena, Daviña Rey e A Pinguela- e dos colexios públicos de Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober. A entidade agrupa tamén ás bibliotecas públicas de Monforte, A Pobra do Brollón, Bóveda, O Saviñao e Sober, así como á Asociación de Libreiros de Monforte. Nas dúas primeiras edicións, o certame estivo dedicado ás coñecidas figuras históricas de Inés de Castro e María Castaña, relacionadas respectivamente con Monforte e A Pobra do Brollón. O certame do ano pasado xirou en torno á figura de María Dolores López López, coñecida como Lola de Penelas, unha alfareira de Gundivós que viviu entre 1886 e 1969. Á esquerda, o cartel anunciador da útima edición. O concurso convócase con motivo do Día da Muller Traballadora

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Homenaxe a unha farmacéutica pioneira do Saviñao e Pantón