Comadres deportadas e reivindicativas

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Os problemas internacionais e locais foron satirizados de diversas formas na comarca de Lemos

24 feb 2017 . Actualizado a las 21:55 h.

Donald Trump seguramente non o sabe, pero tivo un papel importante no carnaval da comarca de Lemos. A súa presenza xa foi notable no Xoves de Compadres e onte volveu inspirar algúns conxuntos do Xoves de Comadres. Destacou neste aspecto o da praza do Concello de Sober, onde un tractor con pa e remolque foi utilizado para levar a cabo unha deportación masiva de comadres ordenada -segundo explicaban algúns letreiros- polo alcalde «Guitián-Trump» a fin de conseguir que a poboación do municipio estea formada unicamente por «machos». Na rúa monfortina Doutor Casares, entretanto, as comadres puxeron gorros de cor rosa para sumarse as manifestacións de mulleres organizadas nos Estados Unidos contra a misoxinia e a xenofobia do novo presidente.

No barrio de Rioseco, as comadres adoptaron tamén un ton reivindicativo, pero neste caso para protestar contra os apagóns rexistrados no sur lucense e noutras partes de Galicia durante os últimos temporais. As figuras exhibiron pancartas de contido crítico alusivas ás compañías eléctricas mentres suprían a falta de calefacción queimando leña nun par de bidóns. Tamén houbo protesta na parroquia de Ribas Altas, onde as figuras carnavalescas se disfrazaron da princesa do filme Frozen para queixarse pola «conxelación» dos investimentos e das obras públicas na zona.

Na rúa Cardeal, xunto a unha locomotora de cartón, as comadres celebraron burlescamente a suposta chegada da alta velocidade ferroviaria a Monforte. Na entrada do centro multiusos, un trío de figuras aludiu aos problemas xudiciais da infanta Cristina de Borbón, Isabel Pantoja e a exministra Ana Mato.