Trump e Calleja, compadres honorarios

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A comarca de Lemos celebrou baixo un tempo soleado a primera xornada das tradicionais festas de carnaval

17 feb 2017 . Actualizado a las 12:32 h.

A melloría do tempo favoreceu a primeira xornada das festas de entroido na comarca de Lemos, onde os tradicionais compadres reapareceron en diversos lugares para retratar a realidade baixo un prisma burlesco. O novo presidente dos Estados Unidos inspirou unha parte das escenas que representaron os bonecos. A súa presenza foi especialmente numerosa na parroquia monfortina de Ribas Altas, onde unha ducia de figuras con perrucas loiras construíron un muro de ladrillo e exhibiron carteis con lemas como «Imos facer unha praia fluvial no porto seco e vana pagar os da Vide». Donald Trump tamén estivo presente noutras montaxes satíricas que se exhibiron no barrio de Carude e na rúa do Morín.

Outro coñecido personaxe público que participou no Xoves de Compadres foi o aventureiro televisivo Jesús Calleja. Na praza do Concello de Sober escenificouse festivamente a recente emisión do seu programa Volando voy dedicado á Ribeira Sacra. Un helicóptero fabricado con cartón e plástico aterrou levando a bordo a Calleja e ao alcalde Luis Fernández Guitián. Mediante un cartel, o primeiro pedíalle ao segundo -que pilotaba a aeronave- que lle aclarase o significado da palabra «folleiros», preguntándolle se é algo que axuda a fomentar a natalidade. Ao seu redor, numerosos veciños portaban letreiros que enxalzaban en ton irónico os atractivos do municipio, como os viños de Amandi e a olería de Gundivós.

Crítica sobre o porto seco

Os compadres tamén aludiron a outros asuntos da actualidade local. Na barrio monfortino de Rioseco, unha manifestación veciñal recriminou aos políticos o atraso do proxecto do porto seco en torno a unha «plataforma loxística» consistente nunha carreta cargada de caixas de cartón. Entre os figurantes estaban o alcalde José Tomé, Alberto Núñez Feijoo -co seu fillo recén nado- e Mariano Rajoy. Tomé tamén apareceu representado na praza de España -xunto co concelleiro de Obras, José Luis Losada- supervisando unhas obras de asfaltado.