«Escribir teatro radiofónico é para min como traballar cunha venda nos ollos»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A dramaturga e directora da escola teatral de Sober está a competir como finalista nun certame que xa gañara no 2012

31 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A dramaturga e directora teatral Eva F. Ferreira clasificouse como finalista no premio de teatro radiofónico Diario Cultural, outorgado por Radio Galega e o Centro Dramático Galego, cunha peza titulada O quinto inverno. A autora xa gañara no 2012 o primeiro destes premios coa obra Poema sinestésico para tres voces e un can. Ferreira dirixe en Sober a escola municipal de teatro.

-¿A peza xa se está a emitir por radio?

-Aínda tardará un par de meses, porque hai que facer unha adaptación técnica e realizar as gravacións. Todas as pezas elixidas como finalistas serán emitidas en diferentes programas de Radio Galega e o público poderá votar.

-¿Hai similitudes entre esta obra e a que lle premiaron antes neste certame?

- Na peza anterior xogaba máis co absurdo e tiña unha intención máis satírica?. O quinto inverno é un exercicio de escoita máis apegado ao cotián e ao real. Sempre hai un pouso de crítica ou un intento de visibilizar cousas que me chocan, pero neste caso minimizando o recurso do humor como distanciamento. Ningunha delas ten argumento nin personaxes no sentido máis clásico, porque non me interesa describir a fondura psicolóxica senón apuntar comportamentos, imaxes ou frases que me parecen interesantes ou poéticas, mesmo sen pretendelo.