«A produción ecolóxica na provincia é hoxe o 33% de toda Galicia»

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Cancio participou en Monforte nunha xornada sobre a comercialización de produtos

28 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o pasado outubro, Manuel María Cancio Álvarez ocupa o cargo de director técnico do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Onte asistiu en Monforte a unha xornada divulgativa sobre a comercialización dos produtos da agrogandería ecolóxica.

-¿Nos últimos tempos cambiou moito o panorama na comercialización destes produtos?

-Cambiou moito, como cambiou tamén o panorama da produción e do consumo, que creceron moito nos últimos anos. En Galicia e en xeral en toda España temos un atraso importante en relación con outros países de Europa, como Suíza, Dinamarca, Austria ou Alemaña, onde os produtos ecolóxicos teñen unha distribución comercial moi ampla, pero houbo avances moi importantes. Antes estes produtos vendíanse só en herbolarios e pequenas tendas, e hoxe xa é frecuente ver liñas enteiras nalgúns supermercados e grandes tendas especializadas

-Un inconveniente que se lles atribúe moito é a diferenza de prezos con respecto aos produtos convencionais.

-Segue habendo unha diferenza polas condicións do proceso de produción, pero hoxe en xeral é menor que antes. Onde se nota pouco, por exemplo, é nos produtos da apicultura. Nos países onde están máis implantados e onde hai máis consumo, a diferenza de prezo é moito menor que en Galicia e no resto de España. Pero a tendencia é que está diferenza se reduza aquí tamén conforme aumente o consumo.

-¿Como están hoxe as cifras de inscrición de novos produtores?

-Aínda non se acabaron de recopilar e ordenar os datos do 2016, pero a previsión é que crezan dunha forma importante. No 2015 houbo un incremento dun 8% e durante o ano pasado houbo máis inscricións, aínda que por agora non contamos coas cifras exactas. Tamén vai haber un crecemento importante en superficie, porque se inscribiron moitos produtores de gando de leite e de carne. Isto vén sucedendo todos anos a pesar da crise económica.

-¿Que posición ocupa neste sector a provincia de Lugo?

-É a provincia que hoxe está en cabeza, tanto en número de produtores como en superficie. Neste momento a produción ecolóxica na provincia supón en torno ao 33% do total de Galicia.

-¿Canto tempo leva actualmente pasar da produción convencional á ecolóxica?

-En produción vexetal de horta son dous anos e en froiteiras e viñedos, tres. En vexetais, a partir dun ano xa se pode vender cunha etiqueta que indica que están en fase de conversión. En gandería de carne e leite son dous anos. Nas industrias transformadoras é cousa de moi pouco tempo.

-¿É difícil a conversión no sector da viticultura?

-É máis difícil que noutros sectores, porque é complicado encontrar terreos que non estean rodeados de viñedos de cultivo convencional. Nese caso, a contaminación impide que se poida obter a etiqueta do Craega.

O sector lácteo xa conta con 79 granxas, sinalou Belén del Campo

A xornada divulgativa celebrada onte en Monforte foi inaugurada pola directora xeral de de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén del Campo, quen resaltou o incremento que está tendo a produción ecolóxica no sector lácteo. Na actualidade, segundo indicou, hai en toda Galicia 79 granxas ecolóxicas certificadas, das que 37 xa venden o leite e outras 42 están en proceso de conversión.

Por outro lado, Belén del Campo afirmou que a Consellería de Medio Rural iniciará proximamente a redacción dun plan estratéxico de agricultura ecolóxica que se prevé rematar ao longo deste ano. Segundo as cifras do 2015 -engadiu-, a produción vexetal e animal neste sector ocupa sobre 20.300 hectáreas en toda Galicia e a facturación elévase en conxunto a 33 millóns de euros.

O alcalde de Monforte, José Tomé, manifestou pola súa parte o compromiso do Concello en seguir colaborando o Craega, que ten a súa sede na cidade desde a súa fundación. A este respecto, o rexedor lembrou que en datas recentes o Concello realizou obras de mellora de accesibilidade no edificio que alberga as oficinas deste organismo, como a instalación dun ascensor e a creación dun almacén para liberar espazo nos despachos.