O Camiño de Inverno será dado a coñecer en xuño en Suíza

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O colectivo que promove a ruta en Monforte manterá un encontro cunha asociación xacobea de Lausana

21 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra iniciará este domingo o seu calendario anual de actividades cunha marcha polo Camiño de Inverno na comarca de Lemos. O programa foi presentado onte en Monforte pola presidenta do colectivo, Aida Menéndez, e por outros integrantes da directiva, e -como é habitual- comprende percorridos por diversas rutas xacobeas. Para este ano está prevista ademais unha viaxe cultural a Suíza, que os membros da asociación aproveitarán para realizar actividades divulgativas sobre o Camiño de Inverno. A viaxe levarase a cabo entre os días 1 e 7 de xuño e comprenderá visitas ás cidades de Berna, Zürich, Lucerna, Thun, Interlaken, Xenebra, Lausana e Friburgo, así como o distrito de Gruyère.

Aida Menéndez sinalou a este respecto que en todos os percorridos que se organizan fóra do Camiño de Inverno, os membros da asociación levan folletos e documentos sobre esta ruta para dala a coñecer nos lugares que se consideren máis convenientes, como as oficinas de turismo ou os albergues de peregrinos. Durante viaxe a Suíza tamén se pretende divulgar este itinerario e con tal fin o colectivo xa contactou cunha asociación de amigos do Camiño de Santiago radicada en Lausana. O país helvético conta cunha importante tradición xacobea e polo seu territorio pasan dúas rutas que enlazan cos camiños de Santiago que discorren por Francia, polo que a asociación espera encontrar unha boa predisposición cara ao Camiño do Inverno.

Por outro lado, a asociación planificou para os próximos meses varios percorridos polas rutas xacobeas galegas e unha viaxe cultural ao centro da Península. A continuación detállanse as rutas e os lugares que está previsto visitar e as datas en que se levarán a cabo todas estas actividades.

Camiño de Inverno. Os percorridos por esta ruta comezarán mañá cunha marcha desde Monforte ata a localidade de Piñeiro, no límite co municipio de Pantón. A saída será na praza da Compañía ás oito e media da mañá. Os participantes visitarán despois o museo particular de casas de bonecas instalado no edificio da estación ferroviaria de Monforte e seguidamente compartirán un xantar no hotel Cardenal. As seguintes camiñadas por este itinerario serán o 5 e o 19 de febreiro e o 5 e o 19 de marzo. En outono haberá outras tres marchas, que están programadas para o 29 de outubro e o 12 e o 26 de novembro.

Camiño Inglés. No mes de abril, os días 9 e 23, haberá dous primeiros percorridos por esta ruta. Outros dous están previstos para maio -os días 14 e 28- e o último para o 11 de xuño.

Camiño Francés. Para este itinerario están programadas tres xornadas -os días 1, 2 e 3 de maio-, nas que se percorrerá o tramo situado entre Logroño e Burgos. Os participantes visitarán as localidades de Nájera, San Millán de la Cogolla e Santo Domingo de la Calzada.

Madrid e Ávila. A viaxe a estas cidades levarase a cabo entre o 12 e o 15 de outubro e comprenderá visitas a diversos lugares de interese cultural e histórico.

Un amplo calendario de actividades que serán financiadas só polos socios

As actividades previstas para este ano, segundo explica Aida Menéndez, serán financiadas exclusivamente coas cotas que achegan os membros da asociación, que non conta con ningunha axuda institucional para esta temporada. O colectivo agrupa na actualidade a 430 persoas, pero a presidenta apunta que a cifra está aumenta de forma constante. «Hoxe en día é rara a semana na que non se apuntan dous ou tres socios novos», precisa.